O Colexio de Arquitectos de Galicia e a Consellería de Presidencia asinan un convenio de tramitación de licenzas dixitais para os 315 concellos galegos

presidenciaO procedemento informático permitirá aforrar tempo e custos, así como elevar a transparencia urbanística

Celestino García Braña, decano do COAG:
“É un proxecto transcedental que beneficiará a toda a sociedade galega”


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Consellería de Presidencia, Admnistracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración que ten por obxecto implantar e estender as licenzas dixitais, no ámbito da edificación, aos 315 concellos galegos. É un proxecto que interconectará, de forma telemática, a arquitectos, promotores, o Colexio profesional, os concellos e a Xunta de Galicia, xa que permitirá facer en rede todos os trámites administrativos de solicitude, seguimento e resolución de licenzas e autorizacións de obras; así como normalizar e simplificar os procesos de validación e supervisión técnica, segundo explican as dúas entidades.
Á sinatura do convenio asistiron esta mañá nas dependencias de San Caetano o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; e o decano do COAG, Celestino García Braña, quen destacou a axilidade e eficacia do novo sistema: “Economizará moito tempo e evitará desprazamentos, algo fundamental en tempos de crise, e, por outra parte, contribuirá a unificar criterios e uniformizar procedementos na aplicación de normas e ordenanzas”. García Braña subliña que se trata dun proxecto “transcendental que beneficiará a toda a sociedade galega, que a maiores implica un entendemento coa Administración que nos levará necesariamente a outras colaboracións significativas”.

O convenio, engade o Colexio profesional, persegue a normalización da información e documentación dos proxectos de edificación, a conexión directa entre as Administracións públicas e o COAG como provedor de servizos tecnolóxicos, e a creación de ferramentas comúns para revisar os proxectos construtivos. Ademais, o sistema asegura unha tramitación telemática segura e íntegra da información grazas ao uso da sinatura dixital, cunha gran facilidade no manexo de arquivos, e unha transparencia e homoxeneidade absoluta nos procedementos urbanísticos.

O proceso de xestión de licenzas de obra –explica o Colexio de Arquitectos– é lento e con moitos atrancos administrativos, derivado do uso excesivo de papel, o que dificulta a súa manipulación; da falta de criterios estandarizados na revisión técnica, acentuada aínda máis en concellos pequenos; e tamén da falta de canles operativas e eficientes entre os organismos implicados.

e-Administración e innovación tecnolóxica certificada


O Convenio marco que asinaron hoxe o Colexio de Arquitectos de Galicia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presenta outras vantaxes engadidas como o impulso da eAdministración, a obtención automática de datos estatísticos sobre a edificación en Galicia e a máis áxil penetración das novas normativas.

A Xunta de Galicia comprométese a actuar como mediador entre as Administracións públicas e o COAG, así como a desenvolver e adaptar os procedementos das distintas administracións locais.  Pola súa parte, o COAG actuará como responsable funcional da normalización da información e procesos técnicos, toda vez que os seus protocolos de visado dixital están avaliados polo Certificado de Xestión da Calidade da Norma ISO 9001, outorgada por AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación).

O COAG aporta a este proxecto a súa experiencia previa na tramitación de licenzas dixitais, soporte específico para a súa implantación e formación aos seus colexiados. E destaca que será un exemplo e referente de innovación tecnolóxica no eido da administración electrónica en España, converténdose “probablemente” na primeira comunidade autónoma en estender a todos os concellos a tramitación de licenzas dixitais.

Na actualidade o COAG visa con esta ferramenta arredor do 85% dos proxectos e expedientes que recibe.