Os proxectos visados polo Colexio de Arquitectos de Galicia en 2009 descenderon un 61,84% en relación ao ano anterior

Presentacin_Visados_2009_esquerda_Antonio_Freire_e_dereita_Jos_Antonio_GonzlezO Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou esta mañá os datos e a publicación sobre a Evolución do visado e o estado urbanístico de todas as comarcas e concellos de Galicia no segundo semestre de 2009 e acumulado anterior. Na rolda de prensa, que se celebrou na sede central da praza da Quintana, participaron o tesoureiro da Xunta de Goberno do COAG, José Antonio González González; o presidente da Comisión de Visado do COAG, Antonio Freire Romero; ademais do equipo técnico da web de planeamento urbanístico da entidade colexial, dirixido polo coordinador técnico do COAG, Alberto Escobar.

En 2009, o COAG visou un total de 7.708 vivendas, 4.369 correspondentes ao primeiro semestre e 3.339 ao segundo, o que supón un descenso do 23,58% entre semestres. En contraste cos datos de 2008, ano no que se visaron 20.199 vivendas, o descenso sitúase nun 61,84%. Este descenso no número de visados de vivenda nos últimos seis meses afecta ás cidades atlánticas, excepto a Pontevedra que rexistra unha leve suba. Pola súa parte, as cidades de Ourense e Lugo rexistraron valores máis altos que nos primeiros seis meses, pero sen chegar a cifras de anos anteriores.

O Concello de Ames (área metropolitana de Santiago de Compostela) que tiña rexistrado valores comparables ao de toda a provincia de Ourense, tivo unha drástica parada no seu número de visados pasando de 361 (no primeiro semestre) a tan só 13 no segundo semestre do ano. Este caso resulta paradigmático do que está a acontecer nas contornas das cidades, máis sensibles ás flutuacións do mercado.

Estes datos indican que nos últimos seis meses non se apreciou ningún síntoma de recuperación no visado. “Non parece que os números acadados hai tres anos, cando se visaban 3.000 vivendas por mes, se poidan volver a repetir nun curto período de tempo, porque na actualidade non se superan as 500 vivendas mensuais” –aclarou Freire.  Ademais, o ano 2009 rexistrou o menor número de vivendas visadas de toda a década con só o 2% das 324.521 totais visadas (2000-2009). Segundo os representantes do COAG, en 2010 as cifras de visado manteranse nos mesmos rexistros do pasado ano, aínda que confían nunha subida próxima por varios motivos, entre eles os parámetros poboacionais. En relación á Lei do Solo e ás Directrices de Ordenación do Territorio, o tesoureiro do COAG aclarou que estas normativas non van afectar á produción, nin aumentando nin freando a actividade, e destacou que o principal problema está no gran stock de vivenda que hai na comunidade.

O 12% dos concellos galegos non visaron ningunha vivenda

Foron 39 os concellos que non visaron ningunha vivenda durante todo o ano 2009; a maior parte deles corresponden ás provincias de Ourense (17) e Lugo (14). As vivendas protexidas non superan o 4% do total visado no COAG no segundo semestre de 2009, xa que non son alleas á conxuntura económica actual. Revisando os últimos datos da Vivenda de Protección Autonómica (VPA) non se reflicte un refuxio por parte da promoción privada en tempos de crise neste tipo de vivendas. Visáronse un total de 146 vivedas protexidas no segundo semestre de 2009, fronte ás 245 do primeiro semestre. Por tanto, no conxunto do ano as vivendas protexidas supoñen o  5,85% do visado total. “En concreto, nos meses de agosto, setembro, outubro e novembro de 2009 non se produciu ningún visado de réxime protexido” –aclarou Freire.

En canto aos proxectos de rehabilitación subiron ata o 19% do total de vivenda visada no segundo semestre de 2009. É a partir de 2008 cando se aprecia un cambio nas porcentaxes, con valores que superan o 10% en todos meses, chegando ao rango máis elevado, que se acadou en outubro de 2009 cun 35%. A finais de 2009 a porcentaxe acadada foi do 15%, dobrando a de 2008, e moi por riba de porcentaxes anteriores que se atopaban por debaixo do 5%. “Os traballos de rehabilitación aumentaron en 2009, como unha posta en valor do patrimonio construído e converténdose no refuxio da actividade profesional” –destacou Gónzalez González.