A Delegación de Ferrol do Colexio de Arquitectos organiza un debate sobre o control do tráfico, peonalización, aparcadoiro e accesibilidade aos cascos históricos das cidades

ferrol_velloTrátase dunha acción de fomento do debate político e social sobre a mobilidade nas zonas antigas dos núcleos urbanos

A Delegación de Ferrol do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza esta tarde un debate sobre a mobilidade nos cascos históricos, na súa sede colexial ás 19:00 horas (rúa Real, 14-16, baixo). Neste acto estarán presentes o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello de Ferrol, Angel Mato; Xosé Allegue, da Oficina do Consorcio da Cidade de Santiago; e Alexandre Carrodeguas, do colectivo ecoloxista Verdegaia. O debate estará moderado polo delegado da Comisión de Cultura do COAG-Ferrol, José Romero.
A temática do coloquio centrarase en dar resposta e chegar a un consenso sobre as medidas necesarias en materias como o control do tráfico, a peonalización, o aparcadoiro e a accesibilidade aos cascos históricos das cidades.

A mobilidade urbana é un problema fundamental para a calidade de vida nas urbes, e entra especialmente en conflito nos barrios históricos, “espazos urbanos que non foron pensados na súa orixe para o vehículo automóbil” –indican desde o colexio ferrolán.

Segundo o COAG-Ferrol, resolver este conflicto é un obxectivo que necesariamente se debe enfrontar no proceso de recuperación e revitalización dos cascos históricos, para o que se precisa a implicación do colectivo político e social.

“Aínda que a mobilidade implica moitas facetas, en ocasións a opinión pública adoita prestar atención aos aspectos máis “ruidosos” desta problemática, a accesibilidade en vehículo particular e a oferta de aparcadoiro, esquecendo outros aspectos canto menos igual de importantes, como son a carga e descarga, o funcionamento do transporte público ou a accesibilidade peonil” –explican.