O Colexio de Arquitectos de Galicia imparte un posgrao para a redacción de informes nas inspección de edificios

Inspeccion.jpgO curso estenderase ata xuño de 2011 e conta coa colaboración da Universidade da Coruña

A Comisión de Asesoramento Tecnolóxico do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (CAT-COAG) e o Departamento de Construcións Arquitectónicas da Universidade da Coruña (UDC) inauguron hoxe na sede colexial de Santiago un curso de formación específica de posgrao en Redacción de Informes de Inspección Técnica de Edificios. No acto estiveron presentes o  director do área de Asesoramento Tecnolóxico do COAG, Eduardo Alonso; o presidente da Delegación de Santiago do COAG, Jorge Duarte; director académico do curso, arquitecto e profesor da ETSA, Antonio Raya; e o coordinador do curso e profesor da UDC, Jorge Aragón Fitera.
Segundo Alonso, a actividade formativa do COAG constitúe unha das catro escolas autorizadas en España para a formación continua dos arquitectos, centrada na especialización en campos profesionais concretos, esquecendo o concepto de formación única.

Pola súa parte, o presidente da Delegación de Santiago do COAG, Jorge Duarte, explicou que é preciso poñer en valor o patrimonio construído, onde se centra o futuro da profesión. “Hai que volcar os esforzos na rehabilitación, insistir aos concellos galegos para que tamén o fagan e concienciar á sociedade, para manter e conservar o patrimonio existente e conseguir un aforro enerxético” –indicou Duarte.

Segundo a organización do curso, a actual preocupación da sociedade pola seguridade e o estado de conservación dos edificios, o prezo da vivenda e o desexo de conservar o patrimonio urbano común son razóns que xustifican a progresiva xeralización das ordenanzas de Inspección Técnica de Edificios, ao amparo da Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Ademais, no marco actual de crise económica e de novas inquietudes medioambientais, o sector da construción enfróntase á necesidade de reformular o seu obxecto e forma de traballo tradicionais.

Por outra parte, a Lei de Ordenación da Edificación, o Código Técnico da Edificación e outras medidas de defensa dos consumidores multiplicaron os conflitos relacionados coa calidade da construción e a consecuente demanda de peritos. Neste contexto profesional, o curso, que se extenderá ata xuño de 2011, pretende facer fronte á formación específica necesaria para abordar con seguridade a inspección, reparación e mantemento de edificios contemporáneos común.