O Colexio de Arquitectos de Galicia constitúe o xurado da XIV edición dos Premios COAG de Arquitectura

lluisRevisarán as 167 obras presentadas nas categorías de nova planta, rehabilitación, planeamento, decoración e interiorismo, espazos abertos públicos, arquitecturas efémeras, de baixo custo, obra primeira e arquitectura sostible

É un concurso onde se recoñecen as mellores obras da arquitectura galega do último bienio


Esta mañá constituíuse o xurado da XIV edición dos Premios COAG de Arquitectura, que iniciará de inmediato a revisión de todas as propostas presentadas a uns premios que recoñecen ás mellores obras de arquitectura galega do último bienio.
Presentáronse un total de 167 obras nas diversas categorías de premios e mencións: edificio de nova planta; rehabilitación; planeamento, intervencións e desenvolvementos urbanos; decoración e interiorismo; espazos abertos públicos como prazas, paseos ou parques; e arquitecturas efémeras.

Dentro das mencións, presentáronse obras á categoría de arquitectura de baixo custo, á de obra primeira de arquitectos no comezo da súa carreira profesional e á de arquitectura sostible.

O xurado está composto polo decano do COAG, Celestino García Braña, que exercerá de presidente; como vogais dous arquitectos de recoñecido prestixio, Emilio Tuñón Álvarez e Lluis Clotet i Ballus; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), José Manuel Casabella; e o presidente da Comisión de Cultura do COAG, Alfredo Díaz Grande; e finalmente, como secretario do xurado intervirá o Pedro Taboada de Zúñiga, que ocupa o mesmo cargo na Delegación da Coruña do COAG.

Segundo as bases dos premios, as obras presentadas a concurso foron finalizadas entre o 1 de xullo de 2008 e o 31 de xullo de 2010. O xurado pode asumir o rexeitamento daquelas obras que califique de non rematadas por completo.

No caso da arquitectura de baixo custo, a intención ao acordar a mención é valorar as obras que se realizan na práctica de construción e promoción cotiá cos recursos limitados, as veces os mínimos, e sempre con consideración dos límites económicos como parte do proxecto (vivenda mínima, autoconstrucción ou promoción privada de pequena entidade). No caso da obra primeira, consideraranse incluídos os proxectos de arquitectos con menos de seis anos con titulación.

Membros do xurado

1.    Presidente:
Celestino García Braña, decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG)
2.    Vogais:
Emilio Tuñón Álvarez (Madrid, 1959).
Licenciado na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM) en 1981, entra a traballaar no estudio de Rafael Moneo ata 1992. En 1990 ingresa como redactor na revista Arquitectura e funda un estudio propio xunto a Luis Moreno Mansilla, Mansilla y Tuñón Arquitectos.

Foi profesor da ETSAM, da Nueva Escuela de Arquitectura de Puerto Rico, da Escuela Internacional de Arquitectura de Barcelona, da Fundación San Pablo CEU Arquitectura, ademais de profesor invitado da Städelschule de Fráncfort e da Escuela de Arquitectura de Navarra, Graduate School of Design of Harvard University EE. UU.

Entre os proxectos desenvolvidos con Mansilla destacan o Museo de Arqueología y Bellas Artes de Zamora, o Centro Documental da Comunidad de Madrid, actual Biblioteca Regional Joaquín Leguina, o Museo de Bellas Artes de Castellón, o MUSAC en León e o Museo de Cantabria.

Foi Premio de Arquitectura Contemporánea Mies van der Rohe 2007.

Lluis Clotet i Ballus
Arquitecto español nacido en Barcelona. Diplomado en 1965 pola Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, foi profesor desta escola desde 1977 a 1984. En 1965 creou o estudio Per BY, xunto a Pep Bonet, Christian Cirici e Óscar Tusquets, e en 1983 uniuse ao deseñador e arquitecto Ignacio Paricio, para establecer o seu propio estudio. Desde entón, a colaboración de estes dous arquitectos levounos a deseñar edificios de gran creatividade e imaxinación moitos deles galardoados. Entre os seus edificios destacan a Casa Fullá (1971), xunto a Óscar Tusquets, un edificio de vivendas na Villa Olímpica (1992) e a Illa da Llum (2005).

Galardóns: FAD (1978, 1979, 1988, 1989) e Nacional de Arquitectura (2010)

Jose Manuel Casabella Lopez
Nace en Ferreira de Valadouro (Lugo) en 1941. Despois de completar os seus estudos de Arquitectura en Barcelona comeza a traballar con Esteban Bonell Costa. En 1971 contrátanno na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona como profesor encargado de Curso da asignatura Proxectos de Arquitectura II, de la Cátedra de Oriol Bohigas, impartindo clase ata 1973, cando se traslada á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Desde 2005 foi director da escola coruñesa.

Alfredo Díaz Grande, presidente da Comisión de Cultura do COAG.

3.    Secretario
Pedro Taboada de Zúñiga, secretario da Delegación da Coruña do COAG.