O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta un congreso internacional de patoloxía e rehabilitación de edificios que se celebrará en Santiago en abril de 2012

congreso_rehabilitacinCelestino García Braña, decano dos arquitectos galegos: “Nestes momentos un dos poucos espazos onde o sector pode ter desenvolvemento económico é na rehabilitación de patrimonio monumental e edificado”

•    O evento, que contará coa asistencia de 1.000 participantes,  ten como obxecto divulgar as técnicas e as preocupacións da rehabilitación

•    A organización é conxunta entre COAG, Concello de Santiago, Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto, Universidade Politécnica de Cataluña, Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña e a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presentou esta mañá, na súa sede da praza da Quintana, o 4º Congreso Internacional de Patoloxía e Rehabilitación de Edificios (PATORREB) que se celebrará na capital galega entre os días 12 e 14 de abril de 2012. No acto estiveron presentes o decano do COAG, Celestino García Braña; o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, Agustín Hernández; e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo.
Este congreso ten como obxectivo primordial divulgar as técnicas e as preocupacións da rehabilitación. Celebrouse en 2003, 2006 e 2009 na Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto, reunindo a máis de 600 participantes entre profesores, investigadores, estudantes, construtores, proxectistas, enxeñeiros e outros profesionais.

O punto de partida será una reflexión sobre a patoloxía da construción e os seus múltiples ámbitos específicos, e como se combinan estes coa rehabilitación arquitectónica. Amplíanse os temas presentados en edicións anteriores e introdúcense novos puntos de vista, ofrecendo un perfil máis  aberto do congreso para a participación de diferentes profesionais vinculados ao mundo da edificación e o urbanismo.

Presentaranse os últimos avances da investigación e a execución, mediante propostas que traten as estratexias para a rehabilitación, as metodoloxías de diagnose, o dictamen e proxecto, a adecuación á normativa vixente, a recuperación de espazos públicos e as súas infraestruturas, a adaptación enerxética, o reforzo de estruturas, a eficiencia das instalacións, as técnicas de reparación, así como a análise de casos concretos de proxectos e obras rehabilitadas.

Segundo explicou García Braña, na última edición de 2009 en Porto a organización do congreso ofrece ao COAG a xestión do evento en 2012 en Santiago de Compostela, coa finalidade de buscar unha progresiva internalización e afianzar e enriquecer o intercambio técnico e científico entre España, Portugal e América Latina. A organización é conxunta entre COAG, o Concello de Santiago de Compostela, a Facultade de Enxeñería da Universidade de Porto (FEUP.UP), a Universidade Politécnica de Cataluña (UPC), a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, e tal e como anuncio García Braña co apoio da Consellería de Cultura.

Contarase coa presencia duns 1.000 participantes nun proxecto deseñado para aunar as máximas forzas posibles, co apoio das institucións e das empresas construtoras e o resto da sociedade. “Nestes momentos un dos poucos espazos onde o sector pode ter desenvolvemento económico e de crecemento é na rehabilitación, pero aínda estamos moi por debaixo de países como Alemaña, onde o 60% do que se inviste é en rehabilitación, ou o 80% en Dinamarca, mentres que en España só alcanzamos o 20%” –explicou Braña.

Para mudar este dato, García Braña apuntou que é necesario realizar rehabilitacións no patrimonio monumental, pero tamén no patrimonio edificado, como as construcións de barrios nos anos 50 e 60, onde na actualidade as formas de vida mudaron e son precisas reparacións de diversos tipos nas edificacións.

O conselleiro de Medio Ambiente  apuntou que estas xornadas nacen cunha clara necesidade de reflexión porque existen factores que invitan a abrir este debate, como as novas esixencias construtivas derivadas da aplicación do Código Técnico da Edificación, a vital importancia que cobran os aspectos ligados á sostibilidade da construción, ou a imperiosa necesidade de reducir os consumos de enerxía entre todos os axentes implicados na rehabilitación cuxo encontro propicia este congreso.

Pala súa parte, Bugallo agradeceu a oportunidade que lle brindan a Santiago como sede do congreso, e destacou o traballo que realiza a cidade desde fai vinte anos en termos de rehabilitación, en puntos como Vista Alegre ou Pontepedriña. “Nestas áreas da cidade variaron o tamaño medio das familias e a idade dos seus integrantes, producíndose un cambio de necesidades, como por exemplo os ascensores ou outro tipo de reparacións relacionadas cos illamentos” –indicou Bugallo.