O proxectoterra do Colexio de Arquitectos de Galicia, Premio Nacional de Urbanismo outorgado polo Ministerio de Fomento

terraCelestino García Braña, decano do COAG:

“O premio supón un gran impulso para a continuidade do proxecto, onde o seguinte paso será estendelo ao conxunto da sociedade”

A Consellería de Medio Ambiente renovou a principios de ano o seu compromiso co proxecto ata o 2013

A iniciativa, que versa sobre arquitectura e territorio, desenvolveu desde o seu nacemento, hai dez anos, 400 actividades nas que participaron 17.500 escolares galegos


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) consegue o Premio Nacional de Urbanismo co proxectoterra, galardón que concede a Secretaría de Estado de Vivienda y Actuaciones Urbanas do Ministerio de Fomento. O proxectoterra, que este ano celebrou o seu décimo aniversario, naceu en xaneiro do 2000 co ánimo de contribuír a que a cidadanía en xeral perciba a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura.
O decano do COAG, Celestino García Braña, mostrou a súa satisfacción polo recoñecemento institucional do Goberno de España cunha iniciativa que pretende transmitir o valor do territorio aos alumnos do ensino obrigatorio galego. Ademais, manifestou que o proxecto comezou hai dez anos como unha acción propia do COAG e que despois contou coa colaboración de varias consellerías e outras entidades (ONCE, TVE ou Nova Escola Galega). “Trátase dun programa transversal de gran alcance, recoñecido por todo o arco parlamentario, que conseguiu introducir temas de territorio e arquitectura en todos os niveis da educación obrigatoria” –explicou Braña.

Tamén o decano dos arquitectos galegos destacou a participación de todos os colexios de Galicia, varios concellos, e o municipio portugués de Melgaço, así como outras autonomías españolas que amosaron o seu interese. “O premio supón un gran impulso para a continuidade do proxecto, onde o seguinte paso será estendelo ao conxunto da sociedade”–indicou García Braña.

Nos dez anos de desenvolvemento do proxecto foi transcendental a colaboración que a Xunta ofreceu ao Colexio a través da sinatura de sucesivos convenios asinados coas distintas Consellerías desde o 2003 ata a actualidade. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas renovou a principios deste ano 2010 o seu compromiso co proxecto ata o 2013, nun período que permitirá a súa consolidación e extensión na Educación Secundaria, así como a súa difusión xeralizada na Educación Primaria.

A iniciativa, concibida como un programa de intervención educativa, contribuíu a mellorar o coñecemento que os escolares de Galicia deben ter da nosa arquitectura e da nosa identidade territorial. As vías de intervención dentro da unidade do proxecto pasan pola elaboración de unidades didácticas e materiais de apoio para os escolares de Primaria e Secundaria, na formación do profesorado, a través de cursos e xornadas de formación, e pola realización de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais.

Ata 2007 recibiron formación específica sobre os obxectivos do proxecto arredor de 1.000 profesores de Secundaria e xa se lles enviaron os materiais a 324 centros públicos da ESO (100%) e 114 centros concertados e privados (70%) de toda Galicia. En canto aos materiais de Educación Primaria, realizáronse xa varios cursos de formación, aos que asistiron uns 580 mestres, o que supón o envío de material a 336 centros públicos (45%).

Un dos puntos máis atractivos e lúdicos do proxecto son as actividades complementarias, con visitas guiadas de arquitectura. Desde o curso 2006 ata este mesmo ano, téñense realizadas unhas 400 actividades cunha participación duns 17.500 escolares de toda Galicia, o que supón unha participación do 35% dos centros públicos e un 10% dos concertados. As visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas durante unha xornada completa. Os intercambios territoriais permítenlle aos escolares achegarse ao descoñecido mediante a visita a distintas formas de asentamento. Ata agora, este tipo de actividades só está dispoñible para o alumnado da ESO pero o plan de actuación para o 2010-2013 contempla a oferta de visitas guiadas de arquitectura e cidade para os centros de Educación Primaria (746 públicos+199 concertados).

Difusión e repercusión noutras autonomías


Pouco a pouco, esta iniciativa consolidouse como un sólido proxecto de gran ambición cultural e educativa. Tanto é así que cómpre destacar a súa transcendencia a nivel estatal, sendo un modelo a seguir na implantación de recursos educativos sobre arquitectura e territorio noutras comunidades autónomas. Así, o proxecto foi presentado en Asturias, Aragón e Valencia e tamén foi solicitada información desde Baleares, Andalucía e Euskadi.

Ademais, os responsables do proxecto foron invitados a importantes cursos, congresos e seminarios de ámbito galego e estatal para presentar o proxecto. Especial significación tivo a invitación cursada polo Congreso da Orde dos Arquitectos de Portugal no seu último congreso celebrado en Famaliçao.

Incorpórase ao programa a Educación Infantil


As actuacións a levar a cabo no período 2010-2013 comprenden a elaboración de materiais para Educación Infantil, os cursos de formación do profesorado para a presentación dos materiais elaborados en Educación Primaria, e a continuación coa oferta das visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais en Educación Secundaria. Todo o material elaborado no proxecto pódese descargar libremente na súa páxina web (www.coag.es/proxectoterra).