O Colexio de Arquitectos de Galicia propón á Consellería de Presidencia impulsar a “efectiva implantación das licenzas dixitais”

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) propuxo impulsar a “efectiva implantación das licenzas dixitais” á Consellería de Presidencia, tendo en conta á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), coa que xa se mantiveron conversas anteriores, para que os concellos poidan tramitar de forma electrónica a obtención de licenzas e proxectos de obra, “coa intención de axilizar os trámites burocráticos”.

Esta iniciativa está enmarcada dentro dun cobizoso proxecto para o uso das tecnoloxías da información e comunicación nos procesos administrativos locais, “o que permitiría axilizar a obtención de permisos e licenzas no ámbito da edificación e o urbanismo de Galicia”, segundo sostén o COAG. A experiencia do Colexio de Arquitectos parte do ano 2004 en que implantou o visado dixital en toda Galicia.

O COAG visa por vía telemática máis do 75% do total da súa actividade, segundo afirma o seu coordinador técnico –Alberto Escobar–, “ascendendo a 267.000 o número de arquivos visados sobre un total de 5.200 expedientes no ano 2009”. Deste modo, engade Escobar dáse cumprimento á lei 11/2007, obrigatoria en toda España dende xaneiro deste ano 2010, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

Por tanto, o COAG destaca que ofrece a súa experiencia de máis de cinco anos neste eido, unha implantación xeográfica nas sete cidades e a posibilidade de unificar a forma de presentación de todos os traballos profesionais que se presenten en todas as Administracións galegas, “para así evitar a dispersión de criterios, darlle máis transparencia ao proceso e axilizar e acortar os prazos de tramitación”, segundo explica.

O COAG pensa que as iniciativas lexislativas que está impulsando a Xunta de Galicia, como a modificación da Lei de Ordenación Urbanística de Galicia 9/2002 de 30 de decembro, as Directices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral, “deben redundar en que se axilizarán os trámites e os prazos dos propios trámites urbanísticos, e nunha maior garantía xurídica”.

Finalmente, o Colexio de Arquitectos anuncia que está facendo xestións e trámites conducentes á posta en marcha da ventanilla única, “a disposición de todos os galegos, en cumprimento da chamada Lei ómnibus de servizos.

Territorio, catastro e urbanismo

O Colexio de Arquitectos fixo unha proposta á Administración para mellorar a ferramenta da web de planeamento: “Fusionar a información sobre o territorio, o catastro e a propia información urbanística nun mapa navegable interactivo de toda Galicia, para dar cumprimento á Disposición adicional primeira da Lei do solo estatal”.

O COAG leva anos dando a coñecer a situación do planeamento urbanístico de Galicia, en aberto, con varias iniciativas como a web de información urbanística galega http://www.planeamentourbanistico.xunta.es, fruto dun convenio do ano 2003 coa Xunta de Galicia, prorrogado no 2006; e máis recentemente o seu blog de planeamento http://blogdeplaneamento.coag.es, “onde sistematicamente informamos sobre a evolución do número e tipoloxía de vivendas visadas en todos os concellos de Galicia, datos de suma importancia pois avanza a actividade prevista no sector”.

Alberto Escobar explica que nese blog figuran as fichas IUM (Información Urbanística Municipal) onde se sinala en cada concello o planeamento vixente, o estado do planeamento en tramitación, os seus equipos redactores, así como datos referentes á dotación técnica de que dispoñen. “Todas estas accións prentenden do COAG pretenden dar maior dotación ao feito urbanístico”, segundo subliña o coordinador técnico do Colexio de Arquitectos de Galicia.