O Colexio de Arquitectos de Galicia celebra o luns-4 o Día Mundial da Arquitectura, dedicado a ensalzar a beleza natural e patrimonial das rutas do Camiño de Santiago

Cada delegación escolleu tres Fisterraelementos destacados da súa ruta de peregrinación máis próxima: obra tradicional, actuación contemporánea e espazo físico

O organismo colexial celebra o décimo aniversario desta efeméride que quere compartir cos cidadáns e a sociedade en xeral


O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra o próximo luns, 4 de outubro, o Día Mundial da Arquitectura baixo o tema Arquitectura e paisaxe nos Camiños de Santiago.
Os arquitectos galegos queren reivindicar este ano o conxunto artístico e ambiental das rutas de peregrinación do  Camiño de Santiago que discorren por Galicia: Camiño Francés, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Camiño de Fisterra e Vía da Prata. Cada delegación centrarase en tres compoñentes da ruta de peregrinación máis próxima: un elemento de valor paisaxístico do contorno físico, un elemento etnográfico de arquitectura tradicional e unha intervención contemporánea.

Desde a fundación do Colexio hai trinta e cinco anos, os arquitectos galegos tiveron unha sensibilidade especial polo medio físico e natural e as súas pezas e construcións. “Queremos aproveitar a actualidade e vixencia  dos camiños de Santiago para reivindicar a transcendencia da paisaxe e os seus valores etnográficos, así como aquelas intervencións de acondicionamento e restauración realizadas nos últimos anos” –indican desde o Colexio.

Arquitectura e paisaxe nos Camiños de Santiago
Día Mundial da Arquitectura 2010   –DECLARACIÓN INSTITUCIONAL–


O Colexio de Arquitectos de Galicia dedica o Día Mundial da Arquitectura aos camiños de Santiago neste ano compostelán de 2010. As rutas que cruzan o territorio galego de norte a sur e de leste a oeste conforman unha extraordinaria e representativa mostra da nosa paisaxe e identidade. Desde os verdes e marróns dos campos ata a gama cromática dos carballos, piñeiros, castiñeiros, chopos e bidueiras, pasando polas viñas de distintas orixes. E salpicados sobre o solo as pontes e calzadas romanas, os hórreos nas súas diversas tipoloxías, os lavadoiros colectivos e familiares, os muíños de auga, as fontes, os cruceiros e capelas… coa cor constante do granito.

Todos estes elementos da arquitectura popular galega configuran un rico patrimonio que cómpre protexer e coidar máis ca nunca. Desde a fundación do noso Colexio hai trinta e cinco anos, os arquitectos tivemos unha sensibilidade especial polo medio físico e natural e as súas pezas e construcións. Por iso queremos aproveitar a actualidade e vixencia dos camiños de Santiago para reivindicar a transcendencia da paisaxe e os seus valores etnográficos, así como aquelas intervencións de acondicionamento e restauración realizadas nos últimos anos.

Agora que o desenvolvemento sostible é xa unha expresión popular, os arquitectos queremos renovar o noso compromiso coa rehabilitación, o aforro enerxético, a arquitectura sostible e a paisaxe como referente de intervención no territorio. Cumprimos dez anos festexando o Día Mundial da Arquitectura, unha efeméride que os arquitectos compartimos cos cidadáns e a sociedade en xeral. É hora de recuperar o valor do pequeno, as prácticas dos nosos maiores e, mesmo, o sentido común, deixando un legado que mellore o que herdamos.


Colexio de Arquitectos de Galicia
4 de outubro de 2010


DELEGACIÓN DA CORUÑA DO COAG

TEMA.-  Ordes, Betanzos e A Coruña. Camiño Inglés


1.- Un tramo físico: O bosque de Carrás. Concello de Ordes.
2.- Unha obra histórica: O casco vello de Betanzos . Concello de Betanzos.
3.- Unha obra contemporánea: A unidade veciñal nº 3. Concello de A Coruña.

O Camiño Inglés

A peregrinación xacobea contou cunha gran sona en toda a Europa medieval; escandinavos, flamengos, ingleses, escoceses e irlandeses empregaron con grande intensidade os camiños do mar para chegar a Ribadeo, Viveiro, Ferrol ou A Coruña. Estes dous últimos enclaves costeiros, grazas á súa situación estratéxica excepcional, son os puntos de partida das dúas alternativas do Camiño Inglés. A ruta A Coruña- Santiago conta con 74 km de percorrido; os tramos Ferrol-Santiago suman 118 km. As peregrinacións desde Escandinavia e as Illas Británicas inícianse no século XII. O primeiro itinerario marítimo coñecido, escrito entre 1154 e 1159 polo monxe islandés Nicolás Bergsson, describe a viaxe desde Islandia ata Bergen (Noruega), Aalborg (Xutlandia), Viborg, pasando pola canle de Kiel (fronteira entre Dinamarca e Alemaña). O monxe foi a pé ata Roma, camiño de Terra Santa. Os islandeses e escandinavos que peregrinaron a Santiago seguiron esa mesma ruta marítima ata Dinamarca, continuando a pé ata Roncesvalles ou en barco ata o norte da Península Ibérica.

Durante a Guerra dos Cen Anos, emprendida entre Francia e Inglaterra ao longo de case todo o século XIV e primeiro terzo do XV, os británicos empregaron o barco para ir a Santiago. As naves fretadas para este efecto, co permiso da Coroa, partían de Londres, Bristol, Southampton e Plymouth e regresaban a Inglaterra con mercadorías cargadas en Galicia. A presenza destes peregrinos en Santiago está de sobra probada coas pezas de cerámica e numismática inglesas, dos séculos XIV e XV, atopadas nas escavacións da catedral.

Outros sinais das peregrinacións marítimas son as ofrendas ao apóstolo. A ruptura de Henrique VIII (1509-1547) coa Igrexa católica, polo seu divorcio de Catarina de Aragón, provocou o final da peregrinación inglesa. Príncipes, nobres, eclesiásticos ou simples cidadáns, os peregrinos contaban co refuxio dos hospitais do Camiño Inglés. Desde Ferrol ou A Coruña a ruta facíase máis doada grazas á orde hospitalaria do Sancti Spiritus. A partir do século XIV a orde franciscana abriu as súas casas en Pontedeume e Betanzos baixo os auspicios do nobre Fernán Pérez de Andrade, O Bo. No tramo que parte de Ferrol, os hospitais do Sancti Spiritus estaban en Ferrol, Neda, Miño, Paderne e Betanzos. En Bruma tamén había un hospital de peregrinos baixo a advocación de San Lourenzo, fundado en 1140 e dependente do Hospital de Santiago desde 1175. No tramo que parte da Coruña os peregrinos contaban na cidade cos hospitais dos Anxos, Santa Catarina e Santo André, e cos de Sigrás e Poulo a medida que avanzaban. Algúns dispoñían de capela e cemiterio e os seus arquivos dan noticia de defuncións de ingleses, nórdicos, alemáns, franceses e italianos, datos que mostran a relevancia das peregrinacións xacobeas por esta ruta.


1.- Un tramo físico: O bosque de Carrás.

No concello de Ordes, o camiño entra por Seixo e Cabeza de Lobo, e cruza a parroquia de Ardemil, para seguir ata os lugares de Carreira, Mámoas e Carballeira. Logo dun camiño de monte, chega ao lugar da Rúa, coa igrexa de San Paio de Buscás.

O peregrino deixa atrás o muíño de Trabe, cruza a ponte do Cubo e segue cara a Outeiro de Abaixo. Un carreiro entre árbores leva á igrexa de San Xiao de Poulo, en Outeiro de Arriba. O peregrino percorre Senra e Calle, onde unha placa colocada nunha sinxela vivenda do XVI lémbranos o paso de Felipe II en 1554. Logo continúa ata Carballo e chega ao lugar de Casanova. O Camiño cruza a ponte de Ponte Pereira, de posible orixe medieval, métese no bosque e chega ao lugar de Carrás. Nesta zona de prados existen numerosos mananciais, polo que, ás veces, a ruta está impracticable. Despois segue ata o lugar de Baxoia e chega a Sigüeiro, vila de orixe medieval (s. XII), capital do concello de Oroso. Nesta localidade hai que seguir pola rúa Real para desembocar na ponte –tamén de orixe medieval– sobre o río Tambre.

2.- Unha obra histórica: O Casco Vello de Betanzos

O peregrino cruza o río Mandeo pola Ponte Vella e entra en Betanzos, antiga capital dunha das sete provincias do Reino de Galicia, polo Arco da Ponte Vella, unha das portas da muralla medieval. A rúa dos Prateiros conduce ata a Porta da Vila e á populosa praza de García Irmáns. A cidade presenta un dos conxuntos histórico-artísticos máis relevantes de Galicia. Do seu pasado señorial, da Baixa Idade Media, renacentista e barroco, falan rúas e prazas, igrexas, conventos, retablos e capelas.

Entre os edificios civís destacan o Pazo de Bendaña (ss. XV-XVIII) e o Pazo do Concello (s. XVIII). Os templos góticos constitúen un conxunto de referencia: a igrexa de Santiago (s. XV) foi patrocinada por Fernán Pérez de Andrade, O Mozo, e ten na súa portada unha imaxe de Santiago Cabaleiro; presenta unha planta de tres naves e tres ábsidas e conta con capelas como a de don Pedro de Ben, xoia renacentista que contén un dos mellores retablos do renacemento galego, obra do escultor Cornielles de Holanda (s. XVI). Outra igrexa gótica é a conventual de San Francisco (s. XIV), onde se atopa o célebre sepulcro de Pérez de Andrade, O Bo. Presenta unha fermosa cabeceira oxival e un notable conxunto de sepulcros señoriais nas súas ábsidas e cruceiro. A terceira igrexa gótica é a de Santa María de Azougue (s. XIV), de tres naves e tres ábsidas, cun retablo barroco no seu altar maior, no que se reutilizaron catorce relevos hispanoflamengos (s. XVI) dedicados á vida de María e á Paixón de Cristo.

Na praza dos irmáns García Naveira destacan a igrexa de San Domingos (s. XVII) e o seu campanario barroco construído entre 1700 e 1714 por Fernando de Casas Novoa, o Arquivo do Reino de Galicia, obra de tempos de Carlos III (1775) e a Biblioteca Municipal (s. XVIII). Deixando atrás esta praza, a ruta segue pola rúa do Rollo ata a ponte vella das Cascas, sobre o río Mandeo. Abandona o núcleo urbano e segue ata os lugares de Couto, Campoeiro e Xan Rozo, para entrar, máis adiante, no concello de Abegondo.

3.- Unha obra contemporánea: A unidade veciñal Nº 3.

O porto da Coruña era un dos puntos de chegada dos barcos de peregrinos procedentes de Inglaterra e Flandres, orientados pola Torre de Hércules, faro romano do século II construído polo arquitecto lusitano Caio Servio Lupo, natural de Aeminio (Coimbra), e restaurado en 1788 polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini.

Comeza o itinerario na igrexa de Santiago, fundada por Afonso IX a principios do século XII e iniciada por discípulos do Mestre Mateo. A portada norte, co cordeiro místico sostendo a cruz arcebispal, realizouse contra 1220-1225. No século XIV foi reformado o interior para crear unha nave única. A fachada principal posúe portada gótica do XV, coas imaxes de Santiago e San Xoán nas cambas e un fermoso rosetón. No adro, reuníase o Concello da cidade na baixa Idade Media. No interior destacan as imaxes da Virxe do Leite (1783) e Santiago (1791), obras de José Ferreiro. Continúase ata a Porta Real, moi preto da Praza de María Pita (1860-1912).

A Casa do Concello, ecléctica, foi construída entre 1908-1912 por Pedro Mariño. A ruta segue cara ós Cantóns pola avenida da Mariña, cos seus soportais e emblemáticas galerías (s. XIX). Segue polas rúas Sánchez Bregua e Linares Rivas ata Catro Camiños e continúa polas rúas Fernández Latorre e Pérez Ardá, e sube pola Avenida de monelos ata a Ronda Camilo Xose Cela onde rodea o barrio das frores onde se atopa a Unidade Veciñal nº•3 obra de José Antonio Corrales. A ruta coincide co camiño real de Castela, deixa o concello coruñés e entra en Culleredo polo lugar do Portazgo.


ACTIVIDADES ORGANIZADAS PARA O PRÓXIMO LUNS-4 DE OUTUBRO

- A Xunta Directiva invita a todos os colexiados a participar na homenaxe ao arquitecto José Antonio Corrales, con motivo do Día Mundial da Arquitectura.

Día: Luns, 4 de outubro.
Lugar: Sala de arquitectura, Federico Tapia 62.
Hora: 19:00 h


DELEGACIÓN DE FERROL DO COAG



TEMA.-  Neda. Camiño Inglés

O Camiño de Santiago como a relación entre o territorio e o home. O paso do tempo e as necesidades do home de relacionarse con outras xentes e lugares, así, enténdese o camiño, como cambio constante, como evolución, a búsqueda, esa capacidade innata, convertida en necesidade e a que leva o home a descubrir e non permanecer. O camiño como proceso en constante renovación.

1.- Unha obra nova.
2.- Unha obra histórica ou de valor etnográfico (pontes, capelas, prazas).
3.- Un tramo físico de interese do propio camiño.

1.    e 2. Unha obra nova e unha obra histórica. Tramo do camiño ao seu paso pola localidade de Neda. Este tramo reúne a convivencia do tradicional e popular coas novas necesidades e rehabilitacións que permiten a actualización. O percorrido iníciase na Igrexa de Santa María. Percorre o tramo urbano do casco histórico. Arquitectura popular e civil: Hospital do Espírito Santo (casa do Concello), Torre do reloxo, vivendas tradicionais con soportais, elementos de mobiliario urbano (papeleiras e cubre baixantes, bancos…) Rematamos na Igrexa de San Nicolás.

1.    Un tramo físico de interese do propio camiño. Escóllese, polo seu valor paisaxístico, o tramo e lugar de San Miguel de Breamo. Despois de facer a ascensión, desde Pontedeume, para dirixirse a Miño atopamos a capela de San Miguel podendo gozar dun miradoiro natural que permite contemplar as Rías de Ares e Betanzos.


DELEGACIÓN DE LUGO DO COAG


TEMA.- Lugar de Vilar de Donas (Palas de Rei). Camiño Francés e Primitivo

O lugar de Vilar de Donas sitúase na comarca da Ulloa no municipio de Palas de Rei.  Un enclave suxerente e cargado de enigmas onde conflúen nun “punto gordo” os Camiños de Santiago Primitivo e Francés. Lixeiramente afastado do roteiro a uns  catro quilómetros xorde de entre o ondulado paisaxe un pequeno núcleo xirando arredor dun mosteiro e a igrexa de San Salvador –hoxe de Santiago- de Vilar de Donas.

A igrexa constrúese na primeira metade do século XIII, debido a protección dispensada por Alfonso IX e Fernando III o mosteiro e ó incremento patrimonial que este acadou nesa centuria. Inicialmente foi fundado  como mosteiro feminino a principios do século XII por dúas mulleres  da familia Arias de Monterroso e máis tarde pasou a propiedade da Orden de Santiago encargada de protexer o Camiño de Santiago e os peregrinos.

Nun lugar cargado de misticismo  a delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia aprecia as singularidades que o fan merecedor de recoñecemento no Día Mundial da Arquitectura do ano 2010:

1.    Como actuación nova, recoñecer a calidade e contemporaneidade das obras de rehabilitación levadas a cabo no ano 1999 (Crecente Maseda e López Guitar) destacando a cobertura da zona onde se situaba o cabido frontal coa intención de protexer a portada e as excelentes esculturas cunha cuberta a dúas augas de vidro, lousa, madeira e aceiro que permiten ver toda a fachada.
2.    Como construción tradicional os restos do mosteiro matriz da igrexa,  fontes e pontes que rodean o lugar.
3.    O conxunto e contorna completan as construcións resaltando a carballeira de Vilar de Donas a 100 metros da igrexa. A carballeira forma parte dun conxunto formado por unha igrexa, a casa da cultura do pobo, cruceiro e merendoiro.


DELEGACIÓN DE OURENSE  DO COAG



Tema.- Núcleo rural de Seixalbo. Vía da Prata

A elección dos tres lugares débese aos seguintes motivos:

Seixalbo é un núcleo rural declarado Conxunto de Interese Etnográfico, que se atopa ao sur da cidade de Ourense, a catro km. do centro desta. Ubícase no val de Ourense, rodeado pola parte sur dunha orografía pronunciada, que descende ata a propia cidade. O núcleo está ubicado na conca do Barbaña, é atravesado polo río Seixalbo, e desemboca no río Barbaña.

Comunícase con Ourense a través da OU-105, vía que rodea ao núcleo sen atravesalo, un dos factores que fixo que se conserve o núcleo tal e como o atopamos a día de hoxe. O acceso ao núcleo prodúcese a través de tres vías secundarias. Seixalbo é atravesado de Sur a Norte polo Camiño de Santiago pola súa arteria principal, a Vía da Plata, no seu paso na etapa Xunqueira de Ambía- Ourense. Plano do núcleo e do paso do camiño de Santiago.

Seixalbo mantén unha estrutura urbana propia dunha pequena aldea medieval arredor da rúa Mayor, Amendo, Sol, Oliveiras e a rúa Nova. Caracterízase por mazás compactas e pechadas, de tamaño reducido, para crear maior densidade e ventilación; un parcelario de corredores estreitos e gran profundidade. O debuxo do espazo público é de rúas estreitas con pequenos ensanchamentos onde se unen dúas rúas, vías en fondo de saco que xeran os recunchos como elemento característico do núcleo e dúas prazas, a Mayor e a praza do Cabildo, como focos principais para a celebración do mercado e os festexos do lugar. A pedra, madeira, ferro forxado e tella son os materiais usados nas construcións do núcleo que marcan a singularidade do lugar. A pedra é empregada en fachadas, elementos singulares como patíns, escaleiras, etc., madeira e ferro forxado usado en carpinterías, balcóns, estrutura, etc., e tella para cubertas xeralmente a dúas ou catro augas.

Fai seis anos abriuse no núcleo de Seixalbo unha oficina municipal para tramitar o Plan Especial de Rehabilitación Interior e supervisar que a reforma subvencionada da arquitectura popular responde aos criterios tradicionais. Desde entón o número de vivendas rehabilitadas é de preto de 30, tanto en rehabilitacións totais como en pequenas intervencións.

En canto ao espazo público, é moi escaso, únicamente dispón dun campo de fútbol e un parque anexionado a este; un pequeno parque infantil, que se viu incrementado cun novo proxecto de renovación do parque e do lavadeiro que se ubica no mesmo lugar; a parada do autobús e unha zona máis alonxada do núcleo, por onde se adentra o camiño de Santiago, en donde se ubica un dos lavadeiros públicos e unha serie de elementos relacionados coa arquitectura da auga. Asimesmo conta cunha Igrexa de gran interese, próxima ao lavadeiro, na cal se realizaron obras de acondicionamento do contorno creando un espazo de gran interese.

É por iso polo que consideramos as obras mencionadas posto que reúnen en un todo, o valor etnográfico do núcleo en si mesmo, como dos traballos de rehabilitación realizados, facendo que nun contorno moi pequeno atopemos todo tipo de actuacións.



DELEGACIÓN DE PONTEVEDRA DO COAG



Tema.- Ponte Sampaio (Pontevedra). Camiño Portugués

No Día Mundial da Arquitectura 2010 e co sentir común do COAG de poñer en valor,  o interese paisaxístico, cultural e arquitectónico do Camiño de Santiago, a súa Delegación en Pontevedra seleccionou un pequeno tramo do Camiño Portugués, no lugar de Ponte Sampaio, Pontevedra.

Os valores da paisaxe natural, a tradición, e a modernidade conviven con harmonía no percorrido sinalado. O primeiro treito, de pendente pronunciada, introduce ao camiñante de forma case inesperada na natureza máis profusa e salvaxe, entre viñedos e campos de labor, que por uns momentos parece engullilo para logo ofrecerlle unha visión máis clara e calma na que se divisa o contorno do Río Ulló co seu singular bosque de ribeira. A singular experiencia desta parte do camiño significa o seu valor paisaxístico.

A Ponte Nova sobre o Río Ulló que substitúe á antiga medieval, (coñecida coma Ponte do Pozo Negro) derrubada tralas riadas do 2006, exemplifica o modelo de actuación nova aínda que respetuosa co preexistente. Desvinculándose da construción previa, a actuación, non exenta dunha gran dose de valentía, opta polo uso claro dunha linguaxe moderna, con materiais como o aceiro cortén e formigón, e conservando os piares coma únicos vestixios da antiga ponte. A necesaria rehabilitación do contorno, agora deteriorado tralas obras axudará nun futuro á definitiva integración da ponte.

A tradición aparece representada pola presenza dunha antiga calzada romana, nun treito de dimensións notables, e cun excelente grao de conservación. Trátase da antiga calzada romana número XIX que unía Braga con Lugo e Astorga, segundo o itinerario Antonino, e popularmente coñecida coma a “Brea Vella da Canicouva”.



DELEGACIÓN DE SANTIAGO DO COAG

TEMA.-  Curtidoría e contorno do río Sarela. Camiño de Fisterra

O COAG-Santiago decidiu ensalzar a beleza paisaxística da área do río Sarela, no punto onde a canle do río transcorre paralelo ao Camiño de Fisterra. Neste lugar, sito a tan só dez minutos do casco urbano de Compostela, atópase un espazo natural pouco coñecido e desmasificado, que foi escenario no século XVIII e XIX da manufactura do coiro na cidade.

Unha antiga curtidoría centraba a actividade económica do lugar. Esta arquitectura popular de uso industrial estableceu unha relación directa entre a intervención humana e o contorno natural, posto que a industria do coiro empregaba a auga do río Sarela para lavar e pulir as súas peles. Trátase dun aproveitamento eficiente dos recursos naturais dispoñibles, que claramente axudaron a xerar riqueza económica.

O primeiro dos elementos é a obra tradicional, unha curtidoría que se entremestura co lugar e o convierte nunha estampa de gran valor. A intervención contemporánea elixida é unha pavimentación antiga do camiño do lugar; e finalmente o  elemento paisaxístico a destacar polo COAG-Santiago é un túnel natural que forma parte da arborada dos arredores, unha imaxe pola que semella que non pasaron os anos.


DELEGACIÓN DE VIGO DO COAG



TEMA.- O Porriño. Camiño Portugués

Zona do Camiño Portugués ao seu paso polo municipio de O Porríño, con tres localizacións:

- Capela das Angustias como intervención tradicional
- Albergue de peregrinos, do arquitecto Manuel Bouzas Cavada, como intervención contemporánea
- O tramo de natureza para o paso do camiño a través do actual polígono de As Gándaras