O Colexio de Arquitectos de Galicia informa de que só o 55,55% dos concellos conta cun arquitecto superior para o control de licenzas

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) informa de que só o 55,55% dos concellos galegos contan cun arquitecto como técnico muncipal no seu cadro de persoal, tras realizar consultas con todos eles; malia que a Lei 38/99 de Ordenación da Edificación (LOE) especifica que os proxectistas de edificios cuxo uso sexa residencial (uso maioritario), administrativo, sanitario, relixioso, docente e cultural deben acreditar a titulación habilitante exclusiva de arquitecto: “Por tanto, serían os arquitectos os que deberían informar nos concellos, como mínimo, os proxectos destes usos que se sometan a licenza”.

O Colexio de Arquitectos teima en que os arquitectos técnicos non están habilitados como proxectistas. Así e todo, o 36,51% dos concellos galegos “só contan con técnicos desta titulación” para informar sobre a adecuación e concesión de licenzas para estes proxectos”, segundo precisa.

Segundo os datos recompìlados polo COAG, indica que 71 dos 315 concellos (22,53%) de Galicia teñen un equipo formado por un arquitecto superior e máis un arquitecto técnico. “Os dous técnicos son necesarios para levar a cabo os labores que, dentros das súas respectivas competencias, se realizan nun concello”, segundo advirte o Colexio de Arquitectos.

No ano 2009 aínda quedaban en Galicia 10 concellos que non dispoñen de ningún tipo de persoal técnico, segundo explica o COAG, sete na provincia de Lugo e tres na provincia de Ourense.

Pontevedra e A Coruña, as provincias mellor dotadas

Pontevedra e A Coruñas son, por esta orde, as provincias con maior número de concellos mellor dotados ao posuíren máis de tres técnicos municipais no seu cadro de persoal. As porcentxes, segundo os datos colexiais, son o 19,35% Pontevedra e o 17,02% A Coruña.

PONTEVEDRA

-          Os concellos de Pontevedra e Vigo teñen máis de 10 técnicos cada un deles.

-          Nigrán, Vilagarcía e Cangas teñen máis de tres técnicos cada un deles.

-          A Estrada, Lalín, Marín, Moaña, Sanxenxo, Tomiño e Tui teñen tres técnicos cada un deles.

A CORUÑA

-          A Coruña, Ferrol e Santiago teñen máis de 10 técnicos cada concello.

-          Arteixo, Culleredo, Oleiros, Sada, Betanzos e Noia teñen máis de 3 técnicos cada concello.

-          Melide, Narón, Ribeira, Teo, Boiro e Boqueixón teñen 3 técnicos cada concello.

LUGO

-          O concello de Lugo ten máis de tres técnicos.

OURENSE

-          O concello de Ourense ten máis de 10 técnicos.

-          Barbadás e Xinzo de Limia ten 3 técnicos cada concello.