O Colexio de Arquitectos lanza a nova versión do seu software propio, “comprobar 4”, un programa para a comprobación de elementos estruturais

A aplicación informática, que conta cun blog propio, foi deseñada polos arquitectos Juan Pérez Valcárcel e Manuel Muñoz Vidal

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) continúa traballando na creación de software propio co fin de facilitar o traballo dos profesionais. Así, desde o 14 de xuño, xa está dispoñible a versión 4 do programa “comprobar”, desenvolvido polos arquitectos Juan Pérez Valcárcel e Manuel Muñoz Vidal, catedrático e profesor de estruturas da Escola de Arquitectura de A Coruña, respectivamente.  “comprobar” foi actualizado co propósito de adaptalo á normativa EHE-08 (Instrución de Formigón Estrutural), que afecta aos módulos de estruturas de formigón e cimentacións e ás modificacións do Código Técnico de Edificación (CTE), que supoñen importantes novidades en bases de cálculo, accións, cimentacións e estruturas de aceiro, madeira e fábrica que xa se incluiron na versión 3. A versión anterior, comprobar 3, xa contaba cun alto número de usuarios en toda España, dos cales, aproximadamente a metade, son galegos.

 

Ademais, o COAG creou ferramentas para almacenar información e mellorar o seu manexo, coma o blog informativo (http://blogcomprobar.coag.es/) con foro de debate incluído.

O programa aporta ademais novas utilidades, como a consideración de máis modelos para o cálculo elástico de estruturas de madeira e o cálculo de vigas regulares, tamén de madeira, que superan as prestacións das versións anteriores e dan resposta á maioría de suxestións dos usuarios. A aplicación resulta de gran utilidade, por exemplo, para o cálculo de vigas de madeira ou elementos de fábrica en obras de rehabilitación, ou para a comprobación da estrutura nunha Inspección Técnica (ITE), e incluso, para o predimensionado de algúns elementos.

Por outra banda, mantéñense as opcións vixentes desde a versión 2 para empregar outros idiomas como o galego ou o catalán. Tamén se permitirá o uso do Sistema Técnico, aínda que en módulos de fábrica e cimentacións, nos que os parámetros do CTE defínense sempre en Sistema Internacional, adoptouse este último para todos os cálculos. Ademais, manterase a posibilidade de comprobar obras calculadas coa norma EHE-98, ao considerar que, durante certo período de tempo, sexa unha posibilidade útil para o usuario.

O programa actualizado, pode conseguirse a través do blog. Os usuarios de Comprobar 3 poden adquirir a actualización, e os novos usuarios poden mercalo. En ambos casos inclúe o soporte técnico e o servicio de consultas vía e-mail. Coa nova versión modificouse ademais o sistema de protección, por iso todos os usuarios recibirán o paquete completo do programa, coa caixa metálica, o CD e a chave USB.

O decano do COAG, Celestino García Braña, sinala a este respecto que o reto de futuro do Colexio debe ser ofrecer “aos nosos colexiados, servizos tecnolóxicos que lle aporten un valor engadido”.