O Colexio de Arquitectos de Galicia sinala unha ralentización da caída dos visados no primeiro semestre de 2010

Os proxectos de rehabilitación superan o 20%

As vivendas protexidas superan o 7%

61 concellos non visaron ningunha vivenda

As cidades continúan á baixa

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) presenta o seu informe sobre  Evolución do visado e o estado urbanístico de todas as comarcas e concellos de Galicia no primeiro semestre de 2010, no que se sinala unha ralentización da caída dos visados nos seis primeiros meses do ano. O ritmo de decrecemento do visado colexial suaviza a súa pendente en picado e sitúase en 460 visados de media mensual, aínda que segue en cifras negativas con respecto a anos anteriores:

ANO 2006 = 3.900 vivendas visadas/mes

2007 = 3.150 vivendas visadas/mes

2008 = 1.430 vivendas visadas/mes

2009 = 640 vivendas visadas/mes

Esta moderada estabilidade débese en parte á entrada en vigor de dúas normas que afectan ao sector da construción: as Normas de Habitabilidade de Galicia e ao aumento do IVE o primeiro de xullo.

 

En total, neste primeiro semestre de 2010 visáronse 2.755 vivendas. Con relación aos datos do segundo semestre de 2009, o visado descendeu un 17,49%. O informe tamén indica que o 19% dos concellos de Galicia (61 concellos dos 315) non visaron ningunha vivenda no primeiro semestre de 2010; entre eles, as provincias de Lugo e Ourense, con 18 e 29 concellos respectivamente. Pola contra, Pontevedra só ten tres concellos que non desenvolveron ningunha promoción.

Os proxectos de rehabilitación superan o 20% do total de vivenda visada no primeiro semestre de 2010, se ben en números absolutos se experimentou unha pequena perda. Por provincias, Pontevedra rexistra as porcentaxes máis baixas, mentres que Ourense supera en cinco puntos á segunda, que é a provincia de Pontevedra.

O descenso no número de vivendas colectivas libres facilitou un incremento porcentual por riba dos tres puntos na vivenda protexida, con especial incidencia nas provincias de Lugo e A Coruña. A provincia de Pontevedra segue a rexistrar porcentaxes case nulas neste tipo de promocións.

En canto ás vivendas unifamiliares mantéñense os valores relativos por riba do 35%. Así, a vivenda unifamiliar superou á vivenda colectiva en número de visados colexiais nalgúns meses, mesmo para as provincias de Ourense, e especialmente a de Pontevedra, significou un verdadeiro refuxio do sector da construción.

As cidades continúan á baixa

A situación nas cidades segue a sufrir descensos no seu nivel de visados. Unicamente o concello de Ferrol experimentou unha moderada suba respecto ao semestre anterior, no que o descenso foi xeral. Neste marco de mínimos, Lugo cidade segue a ser o municipio que máis visados rexistrou, superando ás cidades atlánticas e amosándose como núcleo concentrador da actividade construtiva provincial.

Con menores perdas que nos núcleos centrais, as contornas metropolitanas experimentan baixadas globais no número de vivendas visadas. Só algún caso illado, coma Salceda de Caselas, na área de influencia de Vigo,  cun valor moi baixo nos últimos anos, toma o relevo de anteriores concellos con pulo.