Só un 40% dos concellos galegos dispoñen dun planeamento urbanístico integral

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) indica nun exhaustivo informe sobre o estado do planeamento urbanístico nos concellos galegos que o 40,64% (128 dos 315 concellos) contan cun Plan Xeral de Ordenación Integral.

Segundo os datos recompilados polo Colexio de Arquitectos, o 37% dos concellos seguen baseando a súa ordenación urbanística en normas subsidiarias de planeamento municipal, que poden datarse entre 1977 e 1997. O COAG manifesta que, de acordo coa vixente Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA), os concellos deberían aprobar un PXOM antes de xaneiro de 2006, pero a día de hoxe só 41 están adaptados á normativa urbanística (un 13,02% do total).

Por outro lado, o COAG indica que un 22% dos concellos galegos basean o seu desenvolvemento urbanístico nas pautas dadas por instrumentos de ordenación xerais ao carecer de planeamento urbanístico, como é o caso de 69 concellos que se rexen por unhas regras mínimas contidas nas Normas Subsidiarias Provinciais de Planeamento de Galicia, por non dispoñer de planeamento propio.

Así, dos 128 municipios que contan coa figura dun plan (PGOU, POMR e PXOM), só 41 están adaptados á lei de 2002, 74 atópanse adaptados á lei de 1997 e 13 nin sequera se adaptaron á lei do devandito ano 97.

Un 13,02% dos concellos de Galicia dispoñen de planeamento adaptado e só cinco deles son costeiros

A provincia de A Coruña é a que presenta un maior número de concellos con PXOM adaptado á lei do 2002: 18 PXOMs adaptados (19,14% provincial): Cerdido, As Somozas, A Capela, Vilamaior, Paderne, Oleiros (parcialmente), Curtis, Sobrado dos Monxes, Toques, Boimorto, Arzúa, Oroso, Santiago de Compostela, Vedra, Laxe (parcialmente), Zas, Lousame e A Pobra do Caramiñal.

Para o Colexio de Arquitectos de Galicia, estes datos son claves, porque, aínda que quedarían outros 41 concellos (o 13 %) sen interese en aprobar ou actualizar o seu planeamento, “é primordial que unha alta porcentaxe deles (o 87%) sexan conscientes da importancia que ten crecer de forma ordenada, para garantir un desenvolvemento e mellor calidade de vida no futuro, dispoñendo dunha cartografía e un sinalamento actualizado de todas as servidumes urbanísticas que poidan afectarlle”. O Colexio engade que, ademais, redunda nunha maior “garantía xurídica” para consumidores e usuarios finais da edificación que se realice adaptada ao plan, e para a sociedade en xeral.

De volta ao informe, no extremo oposto atópase a provincia de Pontevedra con 2 PXOMs adaptados (3,22% provincial) Vigo e Rodeiro. Despois está  Ourense con 15 PXOMs adaptados (16,30%): Avión, Melón, Amoeiro, Ourense, Esgos, Paderne de Allariz, San Cibrao das Viñas, Taboadela, Xunqueira de Ambía, Sandiás, Rairiz de Veiga, Vilar de Barrio, Laza, Castrelo do Val e Vilardevós. Finalmente, Lugo dispón de 6 PXOMs adaptados (8,95% provincial): Rábade, Castroverde, Paradela, O Incio, Sober (parcialmente) e Ribas de Sil.

Estes datos amosan que en Galicia hai 41 municipios con planeamento adaptado (13,02%) e só cinco deles son costeiros: A Pobra do Caramiñal, Laxe, Oleiros e Paderne na provincia da Coruña, e Vigo, en Pontevedra.

Consenso político e social

O Colexio de Arquitectos de Galicia indica –a raíz do seu traballo de campo– que empeza a calar a idea de que crecemento e desenvolvemento non son sinónimos de descontrol, senón de todo o contrario, “xa que no actual planeamento que se está aprobando, prímanse os valores de conservación da natureza, sostibilidade e a inevitable consideración e actualización das servidumes que poidan afectar ao territorio (augas, costas, estradas, etcétera), que o planeamento antigo non recollía”. Neste sentido, o COAG teima en que “o labor de tutela, pulo e asesoramento aos concellos, sobre todo aos  pequenos, por parte da Administración autonómica é moi importante”.

O Colexio de Arquitectos tamén quere destacar “o consenso dos tres grupos políticos representados no Parlamento que, xunto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), apostaron por desenvolver un novo marco legal en materia urbanística, que esperamos supoña deixar de lado o partidismo e traballar entre todos nun ámbito, o urbanismo, que debe gozar dun amplo consenso cidadán”.

Trece concellos teñen o planeamento suspendido ou anulado

Un total de 13 concellos galegos teñen neste momento o seu planeamento suspendido ou anulado.

Por provincias:

-          Pontevedra (5): O Grove (pola súa situación costeira e a súa complexidade urbanística), A Estrada (un dos concellos de maior superficie de Galicia con 280,8 Km2), Ponteareas, Tui e Gondomar (pola súa proximidade ao núcleo urbano de Vigo)

-          A Coruña (4): Sada e Ares (pola súa situación costeira); Teo e Abegondo (pola súa proximidade aos núcleos urbanos de Santiago de Compostela e A Coruña

-          Lugo (3): Viveiro, Barreiros e Ribadeo

-          Ourense (1): Verín

Con estes datos, o COAG conclúe que 6 dos 13 concellos que se atopan nesta situación se sitúan na costa galega, o que fai evidente que as actuacións realizadas ao amparo destes instrumentos urbanísticos tiveron unhas consecuencias especialmente preocupantes ao afectar a unha franxa do territorio tan sensible como é a costa, “cuestión que se espera poida regular convenientemente o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, en fase de tramitación”.