A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos apoia a protección dos valores “naturais, paisaxísticos, sociais e arqueolóxicos” da Serra do Galiñeiro

Salientan que hai proxectos sectorias que ameazan o desenvolvemento sostible das actividades agrarias, deportivas, culturais e de turismo

A Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia ofrece o seu respaldo á protección da Serra do Galiñeiro, unha localización natural que se estende polos concellos de Vigo, Mos, Gondomar, O Porriño e Tui, e que constitúe xunto coa ría “o referente fundamental na paisaxe da comarca”, –destacan–.

O Galiñeiro carece actualmente de calquera figura de protección. A pesar do seu patrimonio natural, xeolóxico, cultural, social e etnográfico non está incluído na rede galega de espazos protexidos. “Este patrimonio, composto polos restos arqueolóxicos dos xacementos de petroglifos da Auga da Laxe, Santa Lucía e Penedo das Pías, ademais das mámoas de Chan das Moutas, debería estar protexido e musealizado” –reclaman desde a delegación–.

Segundo lembra a xunta directiva viguesa, hai certos proxectos sectoriais que ameazan o futuro da Serra do Galiñeiro ao non poder cohabitar co patrimonio existente e poñer en perigo un modelo de desenvolvemento sostible, tanto nas actividades agrarias, como nas deportivas, culturais e de turismo.

Con motivo do Día Mundial da Arquitectura, a Delegación de Vigo do Colexio de Arquitectos organizou o pasado domingo, 6 de outubro, unha andaina no monte Galiñeiro para visitar unha escolma dos seus achados arqueolóxicos e naturais como os Muíños de Zamáns e Vilaverde, a Cova de Xabre, o Muíño do Asubío e o Petroglifo de Auga da Laxe. O obxectivo desta actividade foi coñecer e apoiar as accións orientadas a súa protección.