Os arquitectos da provincia de Pontevedra premian obras e proxectos de Vigo, Nigrán, Pontevedra, Vilagarcía, Vilanova, Mos e Redondela cos galardóns Gran de Area

Son premios que priman a calidade arquitectónica do labor de arquitectos, promotores, construtores e aparelladores, organizados polas Delegacións de Vigo e Pontevedra

•    Nesta décimo primeira edición presentáronse 53 propostas de diversas escalas e localizacións
•    Durante este mes celebrarase unha entrega de diplomas en Vigo e un ciclo de conferencias nos meses de outubro e novembro

O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, fixo público hoxe o fallo da décimo primeira edición dos premios Gran de Area de aportación a Arquitectura 2013, que organizan conxuntamente as Delegacións de Vigo e Pontevedra do Colexio de Arquitectos. O acto tivo lugar na sede viguesa, no marco da Xunta de Goberno da institución, no que participaron os presidentes das delegacións de Vigo, Antonio Davila, e Pontevedra, Manuel Abelleira.

Os premios Gran de Area de aportación a Arquitectura son unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia na provincia de Pontevedra, para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios nas obras e proxectos de calidade desenvoltos na demarcación.

Segundo manifestaron os organizadores, os premios pretenden ser un “vehículo de comunicación coa sociedade”, dos proxectos e obras que se realizan con calidade no seu contorno próximo ao longo do ano 2012. As especiais circunstancias que sofre a profesión nestes temos fixeron que nesta edición se presentaran 53 propostas de moi diversas escalas e localizacións, que se converteron en “oportunas reinvidicacións da profesión e a arquitectura do noso contorno” –indicaron desde a organización–.

A selección realizada vai encamiñada a mostrar que a arquitectura é posible e próxima, e os axentes que interveñen na construción poden aportar a súa responsabilidade para mellorar o contorno como “expresión da cultura arquitectónica e os valores colectivos desta sociedade e deste tempo” –manifestaron–. O xurado valorou a totalidade das obras e proxectos presentados e aspectos determinados que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio.

Durante este mesmo mes celebrarase un acto de entrega de diplomas en Vigo para os axentes das obras seleccionadas. Este evento completarase coa organización dun ciclo de conferencias impartidas polos premiados, durante os meses de outubro e novembro.

Obras e proxectos premiados


1.- Bodega en Camos (Nigrán)
Arquitecto: Pablo Menéndez Paz

2.- Casa para un xove músico e parella (Saláns, Vigo)
Arquitecto: Antonio Soliño Troncoso

3.- Centro de Día Residencial (Redondela)
Arquitectos: Ángeles Santos Vázquez e Carlos Martínez González (Parentese & Parentese)

4.- Centro Cultural Lérez (Pontevedra)
Arquitecto: Jorge Rodríguez Álvarez

5.- Estación Marítima de Vilanova (Vilanova)
Arquitecto: Ángel Cid Carballo (2C Arquitectos SLP)

6.- Nave Industrial Nexoted (Polígono Industrial de Veigadaña, Mos)
Arquitecto: Ignacio Hortas López

7.- Pavillón de celebracións en Pazo de Cea (Nigrán)
Arquitectos: Villacé & Cominges SLP

8.- Reforma de piso LG (Vigo)
Arquitecto: Alfredo Sirvent Silveira

9.- Reforma e ampliación de lonxa (Vilanova)
Arquitecto: Ángel Cid Carballo (2C Arquitectos SLP)

10.- Rehabilitación de vivenda casco vello (Vigo)
Arquitectos: Perfecto Cendón e Javier Vázquez Fernández (Cendón Vázquez SCP)

11.- Vivenda en Vilagarcía
Arquitectos: Wenceslao López Velasco e Alberto Reiriz Paz