A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos susbribe un acordo con AJE Coruña para colaborar en materia de emprendemento

ajeOs arquitectos colexiados recibirán asesoramento gratuíto nas oficinas da asociación

A Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia e a Asociación de Jóvenes Empresarios de A Coruña (AJE Coruña) asinaron hoxe un convenio de colaboración para o fomento de accións de apoio ao emprendemento. Ao acto de sinatura, que se celebrou na sede colexial, asistiron o presidente da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, Carlos Pita, e o presidente de AJE Coruña, Óscar Valcuence, ademais do tesoureiro da entidade colexial, Jorge Meijide, e o responsable do comité técnico de AJE, Francisco Rodríguez.

Este acordo permitirá desenvolver un marco de colaboración entre ambas institucións, co obxecto de que aproveiten e potencien os seus recursos para o fomento da innovación, formación e asesoramento de novos empresarios e emprendedores para a creación, o desenvolvemento e a consolidación de empresas na provincia da Coruña, ademais de outras actividades realacionadas que poidan ser de interese.

Carlos Pita destacou que este acordo é moi oportuno para fomentar a formación empresarial dos novos arquitectos. “Descoñecemos o mundo da empresa e esta formación servirá para evitar que os novos colexiados padezan un viacrucis empresarial” –explicou–. Ademais, Pita apuntou que esta colaboración é unha mostra máis do obxectivo principal da Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos, a procura dunha apertura da entidade á sociedade e ao encontro co cidadán.

Pola súa parte, Óscar Valcuence subliñou os aspectos positivos do acordo baseado no asesoramento para a creación de empresas –pemes e micropemes– e a formación para a elaboración dun plan de empresa. “Os arquitectos, ademais de deseñar boa arquitectura, deben ter un perfil máis empresarial. Teñen que preocuparse polo funcionamento da súa empresa, os salarios ou o IVE” –indicou–. O presidente de AJE Coruña tamén salientou unha nova liña de traballo centrada na internacionalización das empresas mediante o asesoramento para a saída ao exterior e o retorno.

Este é o primeiro dunha serie de convenios de colaboración que AJE Coruña asinará con diversos colectivos profesionais da cidade, entre eles enxeñeiros e aparelladores cos que se vai establecer un primeiro contacto.

Os arquitectos coruñeses manifestan a súa vontade de servir de canle de comunicación entre os seus colexiados e usuarios dos seus servizos e AJE Coruña, informando dos servizos e actividades que presta a asociación. Así mesmo, a delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos fomentará o asociacionismo entre os seus colexiados como ferramenta de apoio entre os emprendedores e novos empresarios da cidade. Ademais, os arquitectos colexiados poderán recibir asesoramento básico gratuíto sobre emprendemento nas oficinas de AJE Coruña.  Este acordo estará vixente ata finais de 2013.

Outros compromisos do convenio expresan que AJE Coruña deberá apoiar e difundir os programas para incentivar axudas e subvencións á creación e implantación de novas iniciativas empresariais e de autoemprego co obxectivo de xerar postos de traballo e ampliar a accesibilidade ao mercado laboral coruñés así como os programas, proxectos, accións e similares que realice a Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos entre as súas asociacións membro e os emprendedores que utilicen os servizos de asesoramento desta. As dúas entidades  responsabilízanse de promocionar e difundir as accións que desenvolvan individualmente, e captar beneficiarios e poñer a disposición a infraestrutura e equipamento necesarios.