O Colexio de Arquitectos celebra o décimo aniversario do proxectoterra cunha exposición deste programa educativo

PROXECTOTERRAO presidente da Xunta, Núñez Feijóo, e o decano do COAG, García Braña, inauguraron esta tarde a mostra na sede colexial de A Quintana

O proxectoterra, que versa sobre arquitectura e territorio, desenvolveu neste tempo 400 actividades nas que participaron 17.500 escolares de toda Galicia

Celestino García Braña:

“Estamos no límite das posibilidades para canalizar axeitadamente o desenvolvemento no noso territorio, a través do convencemento, a determinación e acordos de longo alcance”

O Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) inaugurou esta tarde na súa sala de exposicións a mostra “Dez anos do proxectoterra” co obxecto de amosar o traballo e os resultados logrados a modo de balance deste tempo. O proxectoterra naceu en xaneiro do ano 2000 co ánimo de contribuír a que os escolares e toda a cidadanía  perciban a arquitectura e o territorio como piares básicos da cultura. A exposición presenta todo o material elaborado ata o momento a través de documentación impresa e audiovisual.
O acto estivo presidido polo decano do COAG, Celestino García Braña, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o coordinador do proxecto, Xosé Manuel Rosales. O presidente da Xunta de Galicia foi o encargado de inaugurar de maneira oficial esta exposición, amosando, unha vez máis, o compromiso institucional e administrativo coa iniciativa. O arranque do proxecto produciuse cando Núñez Feijóo era conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no último goberno de Manuel Fraga.

García Braña sinalou que as administracións, institucións e os cidadáns en xeral deben comprender e pugnar por acadar a continuidade na construción das cidades, a través da unión de edificios singulares e o conxunto dos seus barrios. “Estamos no límite das posibilidades para canalizar axeitadamente o desenvolvemento no noso territorio, a través do convencemento, a determinación e acordos de longo alcance” –indicou Braña.

O decano do COAG, que apelou á “obsesión” polo axeitado desenvolvemento do territorio, afirmou que “só con percorrer os nosos barrios, camiñar por rueiros ou elevarnos levemente sobre o horizonte abonda para comprender a amarga lección: insensiblemente destruímos riquezas naturais e riquezas construídas e, por iso, moitos dos nosos espazos vitais, lamentablemente, carecen da orde necesaria e elemental”. García Braña tamén quixo destacar que o proxectoterra é de “longo alcance, que transcende os signos políticos do momento e a propia dirección da nosa institución”.

O decano do COAG explicou que é necesario entender o ámbito arquitectónico como vehículo para o desenvolvemento do benestar e dignidade dos individuos e dos grupos sociais, amparando a convivencia, facilitando a integración étnica, a educación e formación das poboacións infantís e xuvenís.

“O proxectoterra trátase dun plan de longo alcance, que transcende os signos políticos do momento e a propia dirección da nosa Institución” –apuntou Celestino García Braña. Este tipo de actuacións contribúen a dar continuidade á colaboración entre institucións, fortalecendo o clima de cooperación desde a lealdade institucional, o que non significa outra cousa que xuntar esforzos dende as propias identidades.

Rosales fixo fincapé na necesidade de seguir traballando como ata agora para que o coñecemento da arquitectura entre os escolares, permita acadar unhas mellores condicións de vida, sen que se repitan os erros cometidos en materia urbanística. Así, sinalou que o obxectivo é que o proxectoterra, pouco a pouco, se converta nun punto de encontro que contribúa a ter un mellor coñecemento de como ao longo do tempo se foi construíndo o país, alimentando a necesidade de reflexionar criticamente sobre o patrimonio, a tradición herdada e da que se debe aprender, así como as prácticas arquitectónicas e de ocupación do territorio que se deben evitar.

Apoio da Xunta de Galicia

En todo este tempo, foi fundamental e transcendental a colaboración que a Xunta ofreceu ao Colexio a través da sinatura de sucesivos convenios asinados coas distintas Consellerías desde o 2003 ata o presente.  Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas reforza o compromiso institucional co proxecto ata o 2013, nun período que permitirá a súa consolidación e extensión na Educación Secundaria, así como a súa difusión xeralizada na Educación Primaria.

A iniciativa, concibida como un programa de intervención educativa, contribuíu a mellorar o coñecemento que os escolares de Galicia deben ter da nosa arquitectura e da nosa identidade territorial. As vías de intervención dentro da unidade do proxecto pasan pola elaboración de unidades didácticas e materiais de apoio para os escolares de Primaria e Secundaria, na formación do profesorado, a través de cursos e xornadas de formación, e pola realización de visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais.

Ata 2007 recibiron formación específica sobre os obxectivos do proxecto arredor de 1.000 profesores de Secundaria e xa se lles enviaron os materiais a 324 centros públicos da ESO (100%) e 114 centros concertados e privados (70%) de toda Galicia. En canto aos materiais de Educación Primaria, realizáronse xa varios cursos de formación, aos que asistiron uns 580 mestres, o que supón o envío de material a 336 centros públicos (45%).

Un dos puntos máis atractivos e lúdicos do proxecto son as actividades complementarias, con visitas guiadas de arquitectura. Desde o curso 2006 ata este mesmo ano, téñense realizadas unhas 400 actividades cunha participación duns 17.500 escolares de toda Galicia, o que supón unha participación do 35% dos centros públicos e un 10% dos concertados. As visitas desenvólvense en cada unha das sete cidades galegas durante unha xornada completa. Os intercambios territoriais permítenlle aos escolares achegarse ao descoñecido mediante a visita a distintas formas de asentamento. Así, están programadas a visita a Santiago do Cebreiro, ao concello de Allariz, a Ferrol, e a área metropolitana de Vigo. Ata agora, este tipo de actividades só está dispoñible para o alumnado da ESO pero o plan de actuación para o 2010-2013 contempla a oferta de visitas guiadas de arquitectura e cidade para os centros de Educación Primaria (746 públicos+199 concertados).

Difusión e repercusión noutras autonomías

Pouco a pouco, esta iniciativa consolidouse como un sólido proxecto de gran ambición cultural e educativa. Tanto é así que cómpre destacar a súa transcendencia a nivel estatal, sendo un modelo a seguir na implantación de recursos educativos sobre arquitectura e territorio noutras comunidades autónomas. Desta forma, o proxecto foi presentado en Asturias, Aragón e Valencia e tamén foi solicitada información desde Baleares, Andalucía e País Vasco.

Ademais, os responsables do proxecto foron invitados a importantes cursos, congresos e seminarios de ámbito galego e estatal para presentar o proxecto. Especial significación tivo a invitación cursada polo Congreso da Orde dos Arquitectos de Portugal no seu último congreso desenvolvido en Vila Nova de Famaliçao.

Incorpórase ao programa a Educación Infantil


As actuacións a levar a cabo no período 2010-2013 comprenden a elaboración de materiais para Educación Infantil, os cursos de formación do profesorado para a presentación dos materiais elaborados en Educación Primaria, e a continuación coa oferta das visitas guiadas de arquitectura e intercambios territoriais en Educación Secundaria. Todo o material elaborado no proxecto pódese descargar libremente na súa páxina web (www.coag.es/proxectoterra).