Investigadores da USC avanzan na busca dun tratamento que bloquee o proceso de dexeneración neuronal causante do Parkinson

neuronas_web

Tratan de descubrir se a anxiotensina, unha hormona coñecida polo seu papel no control da presión arterial, inflúe tamén na destrución das neuronas.

O Grupo de Neurobioloxía Molecular e Celular da Enfermidade de Parkinson da Universidade de Santiago está a desenvolver diferentes liñas de investigación destinadas a avanzar no coñecemento e tratamento desta doenza. Unha destas liñas céntrase na identificación dos mecanismos implicados na progresión da dexeneración neuronal, causante de enfermidades neurodexenerativas como o Parkinson ou o Alzheimer.

 

A coordinadora do proxecto é a profesora María José Guerra Seijas. Lembra que o Parkinson é a segunda enfermidade neurodexenerativa en incidencia e importancia despois do Alzheimer. “A pesar de que o problema é máis complexo, dende hai anos coñécese que un feito central desta doenza é a morte progresiva, por causas aínda descoñecidas, das neuronas cerebrais que producen dopamina, unha hormona que cumpre funcións de neurotransmisor no sistema nervioso central” -explica a investigadora-. A destrución destas neuronas conleva lesións que rematan na perda de control dos movementos por parte do sistema nervioso.

Os fármacos convencionais deixan de ser efectivos a medida que avanza a enfermidade

Tal como indica a investigadora, sábese que o maior factor de risco para contraer Parkinson é o envellecemento, é dicir, coa progresión da idade existen máis posibilidades de que apareza a enfermidade. E, “nunha poboación cada vez máis avellentada como a do noso contorno, o problema será cada vez maior” -apunta a profesora Guerra-.

Na actualidade o tratamento do Parkinson realízase cunha serie de fármacos que poden controlar, durante uns anos, os síntomas da enfermidade na maioría dos pacientes. Por exemplo, subministrando un fármaco precursor da dopamina como é a Levodopa. “Non obstante, coa progresión da doenza e, polo tanto, da morte neuronal, estes tratamentos convencionais deixan de ser efectivos” -asegura a investigadora da Universidade de Santiago-.

Nesta liña, un dos obxectivos principais da investigación neste eido é atopar algún tratamento que evite a progresión da morte neuronal co transcurso do tempo, polo menos para que os tratamentos cos fármacos convencionais sigan a ser efectivos. Tal como resalta a profesora, na actualidade aínda non existe ningún fármaco neuroprotector que sexa eficaz.

O proxecto de investigación que dirixe a profesora María José Guerra aborda o estudo dos factores que inflúen na progresión da morte das neuronas produtoras de dopamina, co propósito de poder identificar no futuro algún fármaco que bloquee eses factores.

Os investigadores descubriron a presenza de anxiotensina na zona do cerebro onde se atopan as neuronas que dexeneran

En concreto o proxecto céntrase en descubrir se un composto denominado anxiotensina, e que os investigadores da Universidade de Santiago localizaron na zona do cerebro onde se atopan as neuronas que dexeneran, pode desempeñar algún papel na dexeneración neuronal. Esta hormona, á que inicialmente se lle asignou só un papel no control da presión arterial, viuse co tempo que xogaba unha función destacada nos cambios dexenerativos que teñen lugar na parede vascular ou no ril en procesos como a arteriosclerose.

“Dado que recentemente téñense identificado importantes interaccións entre a dopamina e a anxiotensina, pensamos que esta tamén podería xogar un papel relevante nos cambios dexenerativos que se producen na enfermidade de Parkinson” -afirma a profesora Guerra-. Ademais, o equipo da Universidade de Santiago vai estudar se diversas estratexias como o bloqueo de determinados receptores de anxiotensina poden impedir o proceso dexenerativo.