Investigadores da USC crean un corpus informático coa historia da lingua galega desde que comezou a época medieval

O equipo de investigación do Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega desenvolve a súa actividade desde o ano 1992 na Sección de "Historia da Lingua" do Instituto da Lingua Galega (USC), recollendo a historia da lingua da comunidade desde os seus comezos. Contando con financiamento e apoio da Universidade de Santiago, de distintas consellerías da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación, na actualidade fórmano os profesores da USC Xavier Varela Barreiro (director), Xosé Luís Couceiro, Ramón Mariño e Eduardo Moscoso. Participan como persoal contratado Lucía Doval, Iria Pérez Mariño e Iago Santiso. Colaboran tamén Raquel Alonso, Amparo Cereixo, Rocío Dourado, Paulo Martínez e Ricardo Pichel.

Con este proxecto, o Instituto da Lingua Galega materializou dous desexos: o de contribuír á modernización das redes fundamentais de apoio á investigación en distintos ámbitos e disciplinas e, complementariamente, o de ofrecerlle á sociedade en xeral a posibilidade de acceder comodamente ás nosas fontes medievais (no site http://ilg.usc.es). Tocante á súa utilidade, representa desde hai tempo unha infraestrutura de investigación e consulta de grande alcance sobre a que asentaron múltiples investigacións ou informes filolóxicos (da Real Academia Galega, por exemplo), históricos, xurídicos e doutro teor xa concluídos e publicados, e abre de cara ao futuro novas e atraentes expectativas.

En paralelo con este corpus da lingua, o mesmo equipo de investigación está construíndo  o corpus do castelán (TMILC-G) e do latín (TMILL-G) da Galicia medieval. Tamén está incorporando ás súas redes os textos do Portugal medieval, tanto en romance (TMILP) como en latín (TMILL-P). Tal como defende o coordinador, Xavier Varela, “o emprego dos mesmos sistemas de codificación nos diferentes córpora vai posibilitar no futuro un rápido avance das investigacións contrastivas da Galicia e do Portugal medievais”.

Partindo destas bases textuais, o equipo de traballo, coa colaboración doutros investigadores do ILG e doutros centros da USC e universidades, ten abertas distintas liñas de traballo. No eido da edición de textos medievais e con vistas a dispoñer de edicións propias, está levando a cabo a transcrición paleográfica de todas as obras medievais de carácter non notarial (Cantigas de Santa María, Cancioneiro da Ajuda, Tratado de albeitaría, Historia troiana…) e algunhas notariais (Sta. María de Ferreira de Pallares, Sta. María de Sobrado, Santo Estevo de Chouzán, San Xián de Samos…). Ademais, no campo da lexicografía, o grupo é un dos piares do Dicionario histórico galego (dirixido por Antón Santamarina), e cos seus materiais estase a elaborar, en soporte electrónico, o Dicionario do galego medieval, complementariamente co Dicionario do portugués medieval do equipo do Centro de Linguística da Universidade Nova de Lisboa.

O campo da lingüística histórica tamén é obxecto de cultivo, en liñas como a da gramática histórica da lingua galega, a historia da scripta na Galicia medieval, a dialectoloxía medieval galego-portuguesa ou o estudo globalizado de obras medievais, como o Cancioneiro da Ajuda, do que se realizou nos anos 2006-2009 un completo estudo lingüístico e paleográfico.

Outra área de traballo é a da onomástica. Desde o ano 2006 véñense realizando sistematicamente traballos de documentación e identificación da toponimia dos textos galegos medievais. Hoxe xa se poden consultar os primeiros datos do Inventario Toponímico da Galicia Medieval, accesible na páxina web http://ilg.usc.es/itgm.

Varela Barreiro conclúe que “a existencia destes recursos no Instituto da Lingua Galega abre para o período medieval da lingua galega horizontes novos e diáfanos e supoñen un bo marco de traballo para investigadores ou simples curiosos”.