Investigadores da USC empregan un método novidoso baseado no estudo da cor para detectar, de xeito precoz, e cuantificar o “verdín” presente nas construcións graníticas

tuno

Evítase a recollida de mostras nos edificios, xa que os estudos se poden facer de maneira directa, o cal resulta de interese para a protección do patrimonio.

O Grupo de Estudos Ambientais Aplicados ao Patrimonio da Universidade de Santiago traballa no desenvolvemento de novas técnicas non destrutivas que permiten cuantificar e estudar a evolución da colonización biolóxica sobre as construcións graníticas. Trátase dun equipo interdisciplinar, integrado por biólogos, químicos, físicos e expertos en patrimonio. Colaboran neste proxecto con investigadores da Universidade de Alacante e da Politécnica de Cataluña.

A coordinadora do proxecto é a profesora Beatriz Prieto Lamas. Explica que un dos principais problemas que afecta ao patrimonio é a colonización biolóxica. Esta situación agrávase en Galicia, xa que o clima propicia o desenvolvemento de organismos vivos sobre as rochas. “Trátase de algas e de cianobacterias, o que popularmente se coñece co nome de verdín” -sinala a investigadora-.

Cando estes organismos se depositan na pedra, ao realizaren a fotosíntese, xeran unha cor verdosa. Deste xeito, cuantificando esa cor é posible detectar e cuantificar os organismos, é dicir, se teñen presenza nun determinado espazo e en que cantidade. Isto representa un grande avance xa que “ata o momento era preciso tomar mostras e facer unha análise microbiolóxica dos organismos, o cal resulta moi tedioso e require moito tempo. Ademais, cómpre evitar a toma de mostras de cara a protexer o patrimonio” -apunta Prieto-.

Os investigadores usan un aparato que mide a cor, moi empregado na industria téxtil e da automoción

O equipo puxo a punto unha metodoloxía novidosa para cuantificar a colonización biolóxica en edificios graníticos, baseada na realización de medidas da cor. Con este método evítase a toma de mostras, co que as medidas se poden realizar de xeito directo no edificio e os resultados obtéñense de xeito inmediato. Consiste en empregar un espectrofotómetro de reflexión portátil, un aparato moi utilizado polos laboratorios de pinturas para a industria da automoción e tamén na industria téxtil. “Permite medir a cor de superficies mediante a determinación das coordenadas cromáticas, o cal serve para detectar e cuantificar os organismos presentes nas rochas, mesmo cando se atopan en cantidades tan pequenas que son imperceptibles para o ollo humano” -afirma Prieto-.

Como paso previo á posta a punto deste método, o equipo realizou un traballo de laboratorio coas algas e cianobacterias presentes nas construcións graníticas. Correlacionaron os parámetros de cor coa cantidade de organismos e co seu estado fisiolóxico. Nesta liña, a investigadora explica que “interesa saber en que estado vital se atopan estes organismos, é dicir, en fase de desenvolvemento ou en estado de senescencia”. Así, cando un edificio está moi colonizado e se empregan biocidas, cómpre facer con posterioridade un control para comprobar se se lograron eliminar e, ademais, vixiar que non volvan colonizar ese espazo co tempo. Por esta razón é importante coñecer se os organismos se están empezando a desenvolver ou, pola contra, están a desaparecer. E os parámetros de cor móvense en direccións opostas segundo sexa dun ou doutro xeito.

Os investigadores empregarán cámaras dixitais para realizar medidas nas zonas dos edificios de difícil acceso

Os investigadores detectaron que non é posible acceder a todas as partes dun edificio, en particular aos puntos máis elevados, para facer as medidas con este aparato. Na actualidade tratan de resolver este problema, para o que están a avanzar na posta a punto desta mesma metodoloxía pero empregando cámaras dixitais, en lugar do aparato que mide a cor. A idea é calibrar as cámaras para que funcionen como colorímetros, é dicir, para que midan a cor. Isto supón un traballo previo de laboratorio, que consiste en buscar un algoritmo matemático que permita a conversión da información dixital en información colorimétrica.

O emprego de cámaras dixitais permitiralles aos investigadores realizar medidas a distancia, ao tempo que se incrementa a área de medida. As zonas obxecto de estudo son moi heteroxéneas dende o punto de vista cromático, de xeito que a cámara permite captar áreas máis amplas, o que vai favorecer integrar mellor a cor. Por outro lado, co colorímetro os investigadores traballaban só co rango de luz visible. As cámaras ofreceranlles a posibilidade de traballar, por exemplo, con luz infravermella ou ultravioleta, o cal resulta de interese xa que estes organimos emiten fluorescencia.

Nun traballo previo o equipo da USC xa caracterizou as cores das algas, das cianobacterias e do granito en condicións ambientais diversas. “A principal complicación radica en que o granito é moi heteroxéneo dende o punto de vista da cor, ao que hai que sumarlle o feito de que a cor dos organismos vivos varía cos factores ambientais como a luz ou os nutrientes e tamén cos diferentes estados dentro do seu ciclo de vida” -sinala Beatriz Prieto-.

O obxectivo dos investigadores da Universidade de Santiago é aplicar estes novos métodos á limpeza de edificios colonizados do patrimonio galego, así como ao seguimento dos mesmos de cara a evitar recolonizacións futuras. A finalidade é poder previr con antelación a aparición destes organismos nos edificios.