Matemáticos da USC desenvolven unha aplicación de software libre para realizar estimación de conxuntos

O grupo de investigación Análise Estatístico de Problemas Sociais, Económicos e Medioambientais da Facultade de Matemáticas da USC, coordinado por Alberto Rodríguez Casal, ven de desenvolver unha aplicación de software libre e gratuíto para que todos os investigadores do mundo poidan realizar unha mellor estimación de conxuntos.

Segundo o coordinador do proxecto, “todo saíu a partir da nosa investigación, que se centraba xustamente na estimación de conxuntos”. O grupo comezou o seu traballo fai tres anos, financiado polo programa Xoves en Formación da Xunta de Galicia, no que buscaban desenvolver métodos que permitisen realizar boas reconstruccións de rexións ou especies vexetais, entre outras cousas. “Buscamos métodos que, por exemplo, nos permitisen coñecer se unha especie está en avance ou retroceso, que zona ocupa unha determinada rexión, etcétera”, sinala Alberto Rodríguez.


“A idea de trasladar a aplicación á rede chegou despois de que alguén nos comentara, logo de publicar a investigación, que se realmente o método era tan bo, debiamos presentar unha proba práctica”, comenta Rodríguez Casal. Deste xeito, e entendendo que sería unha ferramenta moi útil para outros investigadores, o grupo de Análise Estatístico decidiu subir a aplicación, baixo o nome de Alphahull, ao R-Project, unha páxina onde se poden adquirir diferentes programas para a estatística.

Para o coordinador, “o resultado foi bastante positivo, pois comézase a observar que moita xente se interesa pola aplicación e decídese a usala”. Así e todo, o problema chegou a finais do ano pasado, cando coincidindo co final do proxecto, o grupo non conseguiu renovar. “Non sabemos por que aínda que supoñemos que se trata do presuposto. Así e todo, presentamos un proxecto mellor que o primeiro e ademais agora algún dos membros xa é doutor. Ademais, seguimos a ser xoves investigadores”, afirma Rodríguez Casal. “O problema de todo isto é que agora temos que unirnos a outras investigacións maiores, e polo tanto, os investigadores máis novos perdemos de novo autonomía”, conclúe.