Investigadores da Universidade de Santiago descobren en Galicia novas especies de bacterias con potencial patóxeno para a ameixa

equipo_Romalde_vlcUn equipo de investigadores da Universidade de Santiago, especializado nas patoloxías que afectan á acuicultura, está a estudar unha serie de bacterias con potencial patóxeno para a ameixa. Colaboran con diferentes confrarías galegas, que lles proporcionan mostras de ameixa fina e xaponesa, procedentes de diversos bancos de cultivo de toda a comunidade.

 

O coordinador do proxecto, o profesor Jesús López Romalde, afirma que teñen  detectado unha porcentaxe elevada de ameixas afectadas por bacterias intracelulares de tipo Rickettsia, que provocan mortalidade noutros moluscos. O investigador explica que as bacterias intracelulares denomínanse así porque só proliferan dentro das células dos hóspedes aos que infectan, xa que necesitan a súa maquinaria para vivir. Ata o momento non se tiña feito un estudo en profundidade deste tipo de bacterias en ameixas. O equipo estuda tamén bacterias oxidativas, que se atopan fóra das células.

Nas mostraxes realizadas os investigadores detectaron o 50% de ameixas infectadas por estas bacterias

Os investigadores da USC realizaron mostraxes de ameixa durante dous anos e, en función das zonas, observaron unha incidencia bastante elevada de bacterias tipo Rickettsia, alcanzando mesmo o 50% dos individuos infectados. O equipo analizou o ADN destas bacterias e agora trata de illalas no laboratorio, xa que na actualidade aínda non é posible cultivar células de ameixa in vitro. Segundo os datos aportados polo profesor López Romalde, as bacterias detectadas poderían pertencer a unha especie de Rickettsia diferente ás coñecidas ata o momento, co que se trataría dunha variante da bacteria que afectaría só á ameixa e non a outros moluscos.

O equipo trata de avanzar na caracterización das bacterias atopadas nas ameixas que se cultivan en Galicia, co propósito de coñecer a súa importancia dende o punto de vista patolóxico. O seguinte paso sería deseñar estratexias destinadas a previr que non se estenda a infección entre as poboacións de ameixa galega.

A realización destes estudos é moi complexa porque cando se fan mostraxes nas praias e aparecen ameixas mortas xa non hai material sobre o que traballar porque as cunchas quedan baleiras. Non obstante, existe unha certa evidencia dunha menor produtividade nos bancos afectados por este tipo de bacterias.

Os investigadores estudarán a resistencia a enfermidades de distintas familias de ameixas

No caso das bacterias oxidativas, que son as que poden proliferar fóra das células, os investigadores lograron illar e caracterizar en dous anos 1.200 bacterias. E ata o momento detectaron seis especies diferentes, das cales catro eran descoñecidas, e todas elas con potencial patóxeno para a ameixa.

O equipo da USC pretende coñecer a situación dos bancos de cultivo de ameixa en Galicia, o abundantes que son estes patóxenos e as medidas que se poden levar a cabo para combatelos. “O problema é que as medidas que se poden tomar son moi limitadas no medio natural” -declara Jesús López Romalde-. O experto apunta que “nunha instalación dedicada ao cultivo de ameixa pódese facer un tratamento da auga, controlar a calidade do alimento que se lle dá aos moluscos ou a densidade do cultivo nos tanques, entre outros moitos aspectos, pero no medio natural non é posible este control”.

As medidas de control no medio natural terían que centrarse, segundo os investigadores, en impedir o movemento de individuos entre zonas para evitar que os patóxenos se diseminen. Así, se hai evidencia da presenza dunha bacteria nunha zona determinada, cómpre non trasladar a ameixa afectada a outra ría para que non se transmita a enfermidade.

Fronte á proliferación da ameixa xaponesa, téntase recuperar a ameixa fina, autóctona de Galicia, debido ao seu valor comercial

Outra posibilidade proposta polos expertos é estudar a resistencia a enfermidades de distintas familias de ameixas. “Trátase de seleccionar, dentro dunha mesma especie, as ameixas máis resistentes a enfermidades dende o punto de vista xenético” -afirma López Romalde-.

Tal como apunta o investigador, o cultivo da ameixa no medio natural limítase a botar a semente procedente dos viveiros, esperar a que a ameixa engorde e, por último, recoller os adultos, de xeito que só é posible controlar a densidade do cultivo. Así, están influenciadas por outras especies de peixes e de invertebrados que lles poden transmitir enfermidades.

A finalidade destes estudos é optimizar e mellorar o rendemento do cultivo da ameixa en Galicia. Nesta liña, o investigador da USC incide no feito de que a ameixa xaponesa está a desprazar á autóctona galega (ameixa fina). Non obstante, a pesar de que a xaponesa é máis resistente a enfermidades, moitas confrarías galegas tentan recuperar a ameixa fina debido ao seu valor comercial e á calidade da súa vianda.