Físicos da USC participan no rexistro das primeiras colisións de hadróns do acelerador de partículas do CERN

inner tracker it construdo e instalado por la usc y el epflO grupo de investigación de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado por Bernardo Adeva Andany, está a participar no rexistro das colisións de hadróns do acelerador de partículas do CERN. Concretamente, o grupo traballa na operación do detector do LHCb, un dos catro instalados no túnel.

O maior logro do grupo no colisionador chegou o 13 de decembro de 2009, cando, despois das dificultades técnicas sufridas o ano anterior e logo de detectar as primeiras colisións o 23 de novembro, o detector LHCb rexistrou a enerxía de colisión protón-protón máis alta do mundo, de 2,36 teraelectron voltios (TeV). “Foi histórico, batimos o récord que tiña o acelerador de EE.UU.”, comenta Adeva Andany.

 

O traballo do grupo de investigación da USC tamén se observa no Silicon Tracker (ST), un subdetector de silicio do experimento LHCb. E é que a adquisición de datos do mesmo está a cargo do enxeñeiro de Telecomunicacións e membro de Física de Altas Enerxías, Daniel Esperante Pereira. Ademais, a coordinación adxunta deste subdetector de silicio lévaa o doctor Abraham Gallas Torreira, membro do grupo da Universidade e do Technical Board do experimento.

Un dos aspectos máis delicados do LHCb é o Inner Tracker (IT), a parte interna do Silicon Tracker, cuxo obxectivo é o de detectar a posición exacta dos impactos. Este IT é o resultado dun esforzo de máis de dez anos de traballo do grupo de Física de Altas Enerxías da USC, que levou a cabo a construción e instalación no acelerador do CERN do dispositivo, en cooperación ao 50% con outro grupo membro da colaboración LHCb, o Instituto Politécnico Federal de Lausanne (EPFL). Neste proxecto, a USC investiu aproximadamente 3,5 millóns de euros, financiados polo Programa Nacional de Física de Partículas e pola Xunta de Galicia. Nel participaron máis de 20 científicos e tecnólogos da Universidade. “A construción do Inner Tracker requería unha tecnoloxía moi precisa, sobre todo debido aos millóns de microsoldaduras das que está composto, e que se realizaron con instrumental de aquí de Santiago”, sinala Bernardo Andany.

O obxectivo inmediato do grupo comeza a ser agora o análise dos datos das colisións que chegan ao acelerador, e para iso disponse dun sistema de computación propio dentro do campus da USC, integrado no sistema GRID de LHCb, e coordinado polo profesor Juan José Saborido Silva. O traballo de análise será impulsado polo tamén profesor da USC, José Ángel Hernando Morata, e requerirá a participación dun equipo de xoves físicos formados en Física Nuclear e de Partículas.

En explicacións do propio Bernardo Adeva, “o obxectivo último do experimento LHCb é estudar con gran precisión a falta de simetría materia-antimateria, nas desintegracións dos quarks pesados que o acelerador é capaz de extraer ao vacío. Os quarks son constituíntes fundamentais da materia, e estes estudos poden darnos a pista para comprender mellor a orixe do universo primitivo, onde se deron unhas condicións similares ás que agora comezamos a reproducir nesta máquina. Existen tres réplicas non idénticas dos quarks, e o experimento busca dilucidar a orixe das súas masas, ademais de encontrar os efectos de novas partículas, máis alá do Modelo Estándar, nas súas desintegracións”. Porén, Adeva Andany asegura que “ao longo deste ano se irán superando diferentes obxectivos, pero sempre pouco a pouco”, conclúe.

Actualmente, o gran colisionador de protóns atópase parado, aínda que segundo o comunicado emitido polo Director Xeral do CERN, Rolf Heuer, as operacións do LHC reanudaranse en febreiro de 2010, “tras unha parada técnica necesaria para preparar as colisións de alta enerxía”.