Investigadores da USC estudan o emprego de ansiolíticos e antidepresivos para diminuír os efectos negativos de certas enfermidades

equipoGarabal_vlc

O Laboratorio de Estrés e Neuroinmunoloxía da Universidade de Santiago traballa no estudo da resposta biolóxica do estrés, así como no deseño de estratexias preventivas e terapéuticas destinadas a combater os seus efectos adversos.

O coordinador do grupo, Manuel Freire-Garabal Núñez, explica que o estrés exerce un efecto sobre determinadas hormonas, provocando o seu incremento. É o caso dos corticoides, que son un grupo de hormonas inmunosupresoras, é dicir, que anulan a resposta inmunitaria do organismo. O investigador sinala que entre os efectos secundarios dos corticoides destaca o risco de padecer infeccións, así como de que se produza un aumento de células cancerosas.

O profesor indica que o estrés provoca ansiedade, o cal altera o sistema inmunitario e, como consecuencia, prodúcense enfermidades relacionadas co memo. Neste sentido, o equipo detectou que os individuos que están sometidos a un elevado nivel de estrés teñen máis probabilidades de padecer cancro, xa que as hormonas actúan como intermediarias. Isto levounos a abrir unha liña de investigación centrada no emprego de ansiolíticos e antidepresivos. Lograron así que as hormonas non aumentasen tanto, para evitar o seu efecto dañino sobre o sistema inmunitario.

Os investigadores demostraron que os ansiolíticos e os antidepresivos melloran o estado xeral dos pacientes

Os científicos da USC someteron a animais de experimentación aos diferentes tipos de estrés que poden afectar ao home, como o psicosocial, o poscirúrxico ou o sonoro, entre outros. Detectaron que aumentan as hormonas vinculadas co estrés, ao tempo que o sistema inmunitario se debilita e se incrementan os casos de cancro. Non obstante, os animais estresados tratados con ansiolíticos non desenvolven infeccións nin cancro.

Logo de moitos experimentos, o equipo chegou á conclusión de que os ansiolíticos e os antidepresivos melloran o estado xeral dos pacientes e evitan as consecuencias negativas que provocan certas enfermidades dende o punto de vista psíquico. Así, aseguran que é positivo tomar este tipo de medicamentos para esquivar os estados somáticos desencadeados polo estrés.

O tratamento do estrés poscirúrxico de cara a evitar a metástase

Unha das aplicacións máis interesantes dos resultados destes estudos é o tratamento de pacientes operados dun tumor, de cara a evitar unha futura metástase. O profesor Manuel Freire-Garabal explica que “o sistema inmunitario destrúe as células tumorais e, se o feito de ingresar nun hospital, pasar por un quirófano ou someterse a sesións de quimioterapia provocan un estrés negativo e causan inmunodepresión, o risco de metástase aumenta”. Por esta razón os investigadores defenden o tratamento con ansiolíticos antes, durante e despois deste tipo de intervencións.

Os investigadores lograron demostrar con animais que hai máis risco de metástase en ratos estresados que non foron tratados con antidepresivos, mentres que os animais aos que se lles administrou este tipo de medicamentos presentan máis posibilidades de recuperación. A raíz dos resultados obtidos polo equipo da Universidade de Santiago, algúns hospitais xa puxeron en práctica protocolos de actuación co propósito de abordar o estrés poscirúrxico.

Avances no cancro de próstata

Freire-Garabal indica que as células dalgúns tipos de cancro reaccionan ante a adrenalina, como é o caso do cancro de próstata, de xeito que a adrenalina convértese nun bo anticancro porque evita a metástase. “Se esta enfermidade se trata con ansiolíticos e antidepresivos, impídese a formación de novos vasos sanguíneos por parte das células tumorais, evitando así que o cancro poida avanzar” -manifesta o profesor-.

Os investigadores da USC xa foron capaces de bloquear o cancro de próstata en animais, cun antagonista que non afecta ao cerebro, evitando a metástase. “Non se logra a cura pero mellórase a perspectiva de vida dos pacientes” -aseguran-.

Mellora da esclerose múltiple

Na realización destes estudos, os investigadores da Universidade de Santiago tamén provocaron esclerose múltiple en ratos estresados. E comprobaron que a enfermidade aparece antes e provoca unha maior mortalidade que no caso dos ratos non estresados. E, segundo os datos aportados polo equipo, tamén lograron frear o desenvolvemento desta doenza co emprego de ansiolíticos.