Expertos en animación da Universidade de Santiago traballan coa produtora galega Continental na creación de cómics multimedia

imotion1O Grupo MAR -Multimedia, Animación e Realidade Virtual- da Universidade de Santiago está especializado en programación e desenvolvemento de produtos multimedia. Na actualidade está a colaborar con Continental, a produtora galega de audiovisual e contidos interactivos, na creación de cómics animados.

O coordinador do grupo da USC, Julián Flores González, explica que os denominados iMotion Comic (iComic) son cómics animados dirixidos aos mercados dixitais, en particular para a súa lectura a través de iPod e iPhone. É un formato innovador, dixital e interactivo que integra movemento, son e efectos especiais. “Trátase de coller unha historieta tradicional e darlle algo de vida”  -sinala o experto-. Nesta liña, o traballo do equipo da Universidade de Santiago céntrase na parte de programación, no motor gráfico que permite a animación.

Este novo formato atópase entre o cómic e os debuxos animados tradicionais. “A cada viñeta ou bocadillo engádeselle un pequeno compoñente animado, que sexa atractivo para o lector. Non se trata tanto de animar aos personaxes en si como ao o escenario que os envolve” -sinala Flores-.

Neste proxecto colabora o debuxante galego Miguelanxo Prado, co que se está a explorar unha nova linguaxe do cómic. Así, o primeiro número que Continental sacou ao mercado, a finais de febreiro, baséase na súa obra “Quotidianía Delirante”. A partir desta iniciativa, a idea é seguir colaborando e animar outros tres cómics do mesmo autor.

Este primeiro cómic multimedia é de descarga gratuíta a través de iTunes, a tenda en liña de contido dixital da multinacional Apple. E aos poucos días do seu lanzamento xa se converteu no máis descargado en España.

“Os lectores de cómic que existen na actualidade son moi estáticos e a idea é desenvolver unha ferramenta que sexa rápida e económica” -afirma o experto da USC-. Ademais, Continental pretende comercializar esta aplicación para que outros creadores poidan xerar os seus produtos multimedia con facilidade. Neste proxecto participa tamén Paralaxe, spin-off da Universidade de Santiago especializada no desenvolvemento de solucións multimedia e de realidade virtual.