Investigadores da USC estudan como afectaría aos linguados e rodaballos de acuicultura un virus que provoca mortalidades elevadas no salmón

rodaballo_vlcUn equipo de investigadores do Instituto de Acuicultura da Universidade de Santiago, especializado nas patoloxías que afectan á acuicultura, está a estudar cepas de virus illados de peixes salvaxes para analizar a súa incidencia sobre os linguados e os rodaballos criados en instalacións acuícolas. Este proxecto está subvencionado pola Dirección Xeral de I+D+i.

 

O coordinador do grupo é o profesor Carlos Pereira Dopazo. Explica que se centran en particular no estudo do virus IPNV, que é o axente responsable da necrose pancreática infecciosa, unha enfermidade moi contaxiosa que afecta sobre todo a alevíns de un a seis meses de idade. Está considerado como o virus de salmónidos máis prevalente no mundo, provocando enormes perdas no sector. Pode xerar mortalidades acumulativas próximas ao total da poboación afectada. E, ademais, os peixes sobrevivintes permanecen en estado portador toda a súa vida, diseminando o virus, que deste xeito se mantén na auga.

O investigador indica que os virus buscan alcanzar un equilibrio co hóspede ao que infectan, producíndolle un dano sen chegar a matalo. Pero na acuicultura este equilibrio non existe, polo que as mortalidades poden chegar a ser importantes. Nesta liña, o equipo da USC traballa na procura de virus no medio natural, neste caso no mar, que afectan á acuicultura. A finalidade é comprobar como poden prexudicar aos peixes de cultivo estes virus procedentes de animais salvaxes.

O seguinte paso é analizar a súa virulencia. “Trátase de descubrir que factores poden influír en que estes virus, que na natureza alcanzan un equilibrio co hóspede, provoquen riscos na acuicultura, cunha mortalidade en maior ou menor grao pero sempre problemática para o sector -indica o profesor Pereira-.

O coordinador do proxecto apunta que un mesmo virus pode provocar unha mortalidade elevada nalgunha especies e noutras só debilitamento, pero que, ao vérense afectadas por outros patóxenos, este debilitamento pode desencadear nunha mortalidade. Así, en ocasións hai un número de mortes baixo pero continuo, o cal resulta relevante a longo prazo. E isto é propio dos virus. Ademais, hai síntomas de infección viral que pode provocar a redución da supervivencia larvaria ou unha anorexia a maiores idades, coas consecuentes perdas económicas para a industria.

Cepas de virus procedentes de diferentes bancos pesqueiros, presentes en especies como o fletán, o linguado ou o bacallau

Os investigadores da USC traballan neste proxecto con distintas cepas deste virus, que detectaron en diferentes bancos pesqueiros, en especies como o fletán, o bacallau, o linguado, o coruxo ou a gallineta, entre outros. E, segundo os datos aportados polo coordinador do grupo, Carlos Pereira, “ensaios preliminares deron diversos graos de virulencia en linguados e rodaballos cultivados en piscifactorías”. Para a realización destes estudos os investigadores analizaron diferentes condicións ambientais ás que están sometidas estas especies nas instalacións acuícolas, para coñecer a súa influencia sobre a incidencia do virus.

Pereira explica que estas cepas do virus teñen factores moleculares moi diferentes entre elas, é dicir, que o mesmo virus pode ter distintas secuencias xenómicas, que poden desencadar nun maior ou menor grao de virulencia. “Ata o de agora coñecíase que parte desa secuencia xenómica estaba implicada na virulencia pero existe outra estrutura coa que non se tiña traballado e que tamén está implicada” -afirma o profesor-. Nesta liña, os investigadores tratan de comprobar cal é a repercusión dos factores moleculares na virulencia.

A importancia de predicir o risco das explotacións acuícolas

“Se conseguimos descubrir todos os factores moleculares que están implicados na virulencia e a súa relación cos factores ambientais ou de cultivo, será posible predicir, en función das cepas que se detecten no contorno das explotacións acuícolas, o nivel de risco en cada explotación” -asegura Pereira-. Ademais, o experto sinala que se poderán establecer as medidas de prevención e control que cómpre levar a cabo segundo o caso, máis alá das habituais vacinacións.

O investigador afirma que existen cepas con factores de virulencia moi elevados. Non obstante, para o virus IPNV aínda non se teñen realizado moitos estudos destinados a descubrir factores de risco. Así, o equipo da Universidade de Santiago traballa con todo o xenoma e non só cunha zona determinada do mesmo, como adoita facerse. E xa descubriron un factor molecular que non se tiña considerado con anterioridade para este virus, e que podería ser responsable dun maior nivel de virulencia.

Os virus que teñen illado os investigadores non proceden só do contorno das rías galegas, senón que tamén traballan con cepas orixinarias de bancos pesqueiros alonxados de Galicia. E aínda que o virus IPNV só ten unha alta virulencia en salmónicos, o obxecto deste estudo é prever como podería afectar no futuro ao cultivo de peixes planos, en particular ao linguado e ao rodaballo.