Investigadores da USC avanzan na eliminación do xofre en gasolinas e gasóleos de cara a reducir a contaminación ambiental

o equipo da USC traballa na eliminación do xofre nos hidrocarburosUn equipo de investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago está a lograr avances importantes na redución da presenza de xofre nos hidrocarburos. Baséanse no emprego dos denominados líquidos iónicos.

O coordinador do grupo e ó catedrático Alberto Arce Arce, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC. Lembra que unha Directiva da Unión Europea obriga a reducir o contido de xofre nos combustibles, en particular en gasolinas e gasóleos, de xeito que en 2010 se pase de cincuenta a dez partes por millón (unidade de medida que se refire aos miligramos que hai dunha substancia nun quilo de produto). “Con esta medida reducirase moito a contaminación, en concreto a chuvia ácida, da que son responsables os compostos de xofre” -afirma o experto-. A finalidade é limitar as emisións, polo que o equipo da Universidade de Santiago trata de proporcionarlle á industria procesos de separación que permitan alcanzar os límites que establece a UE.

Os investigadores tratan de substituír o proceso que empregan as refinerías de petróleo, moi caro, por outro máis económico e eficiente

Tal como explica o profesor Arce, na actualidade a industria do petróleo emprega nas refinerías a hidrodesulfuración para reducir a presenza do xofre nos hidrocarburos, pero é un procedemento moi caro. “Trátase de substituír este proceso industrial por outro sistema baseado na extracción do xofre mediante o emprego de novos disolventes, os denominados líquidos iónicos” -afirma-.

O investigador sinala que comeza a emerxer o uso de líquidos iónicos a escala industrial. Nos últimos anos pasaron de ser meras curiosidades de laboratorio a convertérense na base de aplicacións moi diversas. “Antes eran moi caros pero co incremento da súa produción, debido ao interese crecente que están a xerar nos eidos académico e industrial, o seu custo redúcese de xeito progresivo e cada vez será máis viable o seu emprego en procesos competitivos” -apunta o experto-.

Na actualidade, debido á lexislación ambiental cada vez máis rigorosa, na industria química faise necesario o desenvolvemento de disolventes orgánicos alternativos para a separación de compoñentes químicos. Nesta liña, os líquidos iónicos representan unha solución óptima.

Os resultados obtidos ata o momento polos investigadores da USC achéganse aos límites que impón a Unión Europea

Alberto Arce explica que os líquidos iónicos caracterízanse porque son líquidos nun amplo intervalo de temperaturas, mesmo a temperatura ambiente e, en xeral, presentan propiedades moi singulares que os fan interesantes para diversas aplicacións. Son compostos que teñen case nula tensión de vapor, de xeito que non evaporan, co cal non producen contaminación atmosférica. Por outro lado, o investigador sinala que se poden separar todos os compostos volátiles que conteñen, sen que estes pasen a fase de vapor e, ademais, pódense empregar de xeito continuado porque se reciclan nos procesos de separación. E as etapas de recuperación son máis sinxelas que cos disolventes tradicionais.

Estas características fan que os líquidos iónicos sexan moi atractivos para a Química Verde. Tal como apunta o investigador da USC, búscase crear unha Química máis limpa e sostible, que non dane o medio. Trátase do deseño de produtos ou procesos que reduzan ou eliminen o uso ou a produción de substancias perigosas, ofrecendo alternativas de maior compatibilidade ambiental. Así, a substitución dos tradicionais disolventes orgánicos volátiles por líquidos iónicos non volátiles como medio de reacción preséntase como unha solución a determinados problemas ambientais que sofre a industria química actual, como a emisión de gases nocivos.

O proceso podería ser obxecto dunha patente

O equipo da Universidade de Santiago está a buscar líquidos iónicos que sexan específicos para extraer os compostos de xofre presentes nos hidrocarburos. Pretenden así proporcionarlle á industria un proceso de separación eficiente e respectuoso co medio, o cal podería ser obxecto dunha patente. Os resultados obtidos ata o momento polos investigadores da USC achéganse aos límites que impón a Unión Europea no relativo á presenza de xofre nos combustibles.

O profesor Arce indica que en España, no eido da Enxeñaría Química, existen moi poucos grupos que traballen en líquidos iónicos porque son produtos moi novidosos, de xeito que o equipo da Universidade de Santiago é pioneiro e un dos máis relevantes neste ámbito a escala nacional.