Innolact, spin-off da USC, é a única empresa galega e a segunda en España que fabrica queixo mascarpone

técnico de InnolactInnolact é a única empresa galega especializada na fabricación de queixos de untar, un produto moi complicado de elaborar dende o punto de vista tecnolóxico. Así, en toda España só hai outras tres, todas elas multinacionais. A empresa, que ten as súas instalacións no concello lugués de Castro de Rei, inicia a súa actividade no ano 2007 e na actualidade xa comercializa o seu queixo en toda España.

 

A firma nace dos resultados de I+D da Aula de Produtos Lácteos de Lugo, centro de formación e investigación pertencente á Universidade de Santiago, a partir do desenvolvemento dunha tecnoloxía de fabricación novidosa. Trátase da filtración selectiva, que permite concentrar no queixo os compoñentes do leite que posúen un valor nutricional máis elevado. Ademais, obtéñense rendementos de fabricación moi superiores aos que ofrecen outras tecnoloxías, que, debido á forma de elaborar o queixo, perden propiedades nutritivas moi valiosas.

Innolact é un exemplo de spin-off exitosa. Así, segundo os datos aportados polo seu director xerente, Jesús Zapico Vigo, o ano pasado facturou preto de dous millóns de euros e duplicou os resultados obtidos no exercicio anterior. “É unha época complicada para a economía en xeral e para as empresas en particular, pero cun plan de negocio elaborado a partir de ideas claras, baseándonos na innovación e na calidade, conseguimos avanzar e pouco a pouco imos logrando melloras importantes” -manifesta o xerente-.

Na actualidade a empresa xa logrou colocar os seus produtos entre as grandes distribuidoras de alimentación españolas, cubrindo a práctica totalidade do territorio nacional e abríndose a novos mercados, en particular a Portugal e ao Reino Unido. Tal como sinala Zapico, a maior parte dos seus clientes son restaurantes, hoteis, pastelerías e firmas de catering, así como industrias que empregan o queixo crema como ingrediente das súas receitas.

Por outro lado, a empresa está empezando a fabricar queixo de untar para marcas brancas. Nesta liña, o seu xerente indica que non existen fabricantes nacionais que desenvolvan este tipo de produtos, de xeito que os distribuidores deben recurrir a outros países, en particular a Francia e Dinamarca, para abastecerse.

Ademais, co fin de potenciar a utilización do queixo crema dentro de diversas receitas culinarias, Innolact colabora con escolas de hostelería no desenvolvemento de receitarios baseados neste produto.

Elaboración de queixo mascarpone

A empresa está a avanzar na creación de novos produtos, de xeito que este ano xa iniciaron a produción e venda de queixo mascarpone, destinado sobre todo á elaboración de tiramisú, un postre típico da cociña italiana. “O mascarpone é un queixo fresco, moi delicado, que ten a súa orixe en Italia” -apunta Jesús Zapico-. Innolact é a única firma galega e a segunda en toda España que fabrica esta modalidade de queixo. Ademais, a empresa aporta innovación neste eido cun novo sistema de produción que permite acadar un tempo de caducidade do produto moi superior ao da competencia.

A empresa acaba de presentar o seu queixo mascarpone na feira Alimentaria 2010, que se celebrou en marzo en Barcelona. “O produto tivo unha grande acollida tanto a escala nacional como internacional” -declara o xerente da firma-. Zapico asegura que a través deste queixo consiguen darlle valor engadido á materia prima galega.

A empresa conseguiu unha certificación de calidade que lle facilita a entrada no mercado europeo

Por outro lado, a empresa conseguiu a certificación de calidade IFS (International Food Standard), coa que contan moi poucas industrias lácteas no ámbito nacional, debido á súa rigorosidade. Tal como explica Zapico, trátase dun sistema de calidade e seguridade alimentaria dirixido aos produtores neste eido. Entre os seus beneficios destaca o feito de que facilita o control de todas as etapas de produción, reducindo os perigos de contaminación e garantindo a inocuidade dos alimentos de cara ao consumidor. Ademais, permite acceder a novos mercados, xa que certifica o cumprimento dos requisitos que esixen os grandes operadores nacionais e internacionais.

A empresa está participada por Unirisco, a sociedade de capital risco impulsada pola Universidade de Santiago e da que forman parte as tres universidades galegas e varias empresas da comunidade; e por Xesgalicia a través do Fondo Emprende. Ademais, formou parte do programa Empresa Concepto -impulsado polas universidades galegas e o CSIC- e recibiu apoio do Igape e do Programa de Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica da Xunta de Galicia.