Investigadores da USC participan na creación da Biblioteca Dixital Europea de Matemáticas, un proxecto moi ambicioso xa que existen máis de tres millóns de artigos publicados neste campo

Un equipo de investio investigador Enrique Macías, coordinador do proxectogadores do Instituto de Matemáticas da Universidade de Santiago participa na creación da Biblioteca Dixital Europea de Matemáticas (EUDML). O proxecto, que conta cun presuposto de 3,2 millóns de euros, está financiado polos nove países integrantes e por fondos europeos. Nesta iniciativa colaboran universidades, empresas dedicadas ao desenvolvemento de software, centros de documentación bibliográfica e editoriais.

O coordinador do grupo galego e ó profesor Enrique Macías Virgós. Explica que, para realizaren as súas investigacións, os matemáticos teñen que consultar moita bibliografía e cada ano publícanse en todo o mundo arredor de 80.000 artigos novos. Ademais, a investigación matemática caracterízase por que é importante ter acceso a información antiga, e dende finais do século XIX existen máis de tres millóns de artigos publicados. Outro problema engadido da investigación neste campo radica en que os expertos non só fan búsquedas de textos, senón tamén de fórmulas matemáticas, o cal resulta moi complexo dende o punto de vista do software. Así, o obxectivo é crear un sistema que permita localizar toda esta literatura do xeito máis rápido e sinxelo posible.

Ata o de agora o acceso a esta información facíase nas propias bibliotecas das institucións, a través de subscricións en papel, que son moi custosas. Ademais, cando a biblioteca non dispón dunha determinada revista, cómpre solicitala, coa consecuente perda de tempo e de cartos. Búscase entón que o proceso sexa inmediato, con independencia de onde se atopen os orixinais.

Tal como sinala Macías, “a idea é dixitalizar todo o material que existe e poder acceder ao mesmo a través de internet”. Indica que durante estes anos cada país xa foi avanzando no proceso de dixitalización das súas publicacións pero o problema radica en que se fixo de xeito descoordinado, sen seguir criterios comúns. E agora a Unión Europea quere coordinar estas iniciativas particulares nun portal único. Isto esixe o desenvolvemento dun software que permita facer búsquedas e atopar os artigos, en texto completo, de xeito automático.

Outro dos problemas que se lle presenta aos investigadores é o multilingüismo que existe en Europa. Na actualidade as búsquedas fanse en inglés pero o artigo orixinal pode estar escrito en calquera idioma. “O ideal é que a búsqueda sexa eficiente con independencia da lingua na que se faga” -apunta Macías-.

Trátase de crear un modelo de acceso público, xa que agora as editoriais teñen os dereitos de autor durante décadas

Os expertos sinalan que no acceso aos artigos científicos existen moitos intereses comerciais. Así, o modelo americano é de pago, mentres que con este proxecto búscase un modelo gratuíto e público, aínda que con restricións. A recomendación da Unión Matemática Internacional é que os artigos se poidan liberar aos cinco anos da súa publicación. Na actualidade as editoriais teñen os dereitos de autor dos artigos que publican durante 40, 50 ou mesmo ata 75 anos. Outra recomendación da UE é que se o artigo se financiou con fondos da Administración debe facerse de acceso público de maneira inmediata, nun período de seis meses.

A Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago está subscrita a unhas 200 revistas neste eido, aínda que existen unhas 2.000 de interese para os matemáticos. A subscrición anual a cada unha destas publicacións pode alcanzar ou mesmo superar os 3.000 euros nalgúns ámbitos científicos. Por outro lado, as editoriais absorben unhas a outras, de xeito que neste campo só existen dúas grandes firmas, o que contribúe a que os prezos se disparen, e isto fai que este modelo non sexa sostible, xa que as investigacións lévanse a cabo con financiamento público.

Un modelo que sexa sostible no tempo

O equipo da Universidade de Santiago dirixe un dos grupos de traballo, que ten como misión definir o modelo de negocio e a difusión do proxecto en toda Europa. Nesta liña, os investigadores explican que, polo xeral, as iniciativas de dixitalización non son sostibles no tempo. Polo tanto, “cómpre garantir que a Biblioteca se vai manter a longo prazo, que vai funcionar e que vai ir incorporando todo o material novo que se vai publicando” -afirma o profesor Macías-.

Os investigadores galegos tamén participan noutros grupos de traballo dentro desta iniciativa. Así, están encargados de crear un grupo de expertos a escala mundial. E teñen previsto que o proxecto remate dentro de tres anos, momento no que entrará en funcionamento a Biblioteca Dixital Europea de Matemáticas.