Biólogos da Universidade de Santiago descobren por primeira vez que o polbo ten paternidade múltiple

investigadores da USC estudan o ADN do polboUn equipo de investigadores do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago estuda dende hai anos a xenética de diferentes especies mariñas. Un dos traballos no que están inmersos na actualidade céntrase no engorde do polbo en catividade. Trátase dun proxecto nacional no que participan a práctica totalidade das comunidades autónomas que teñen mar. Está financiado pola Consellería do Mar e por JACUMAR, pertencente á Secretaría Xeral do Mar do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño.

O coordinador do grupo e ó profesor Manuel Rey Méndez. Explica que o polbo común caracterízase por teren os machos modificado o seu terceiro brazo dereito, que empregan para transferir o esperma ás femias. Os espermatóforos (paquetes de espermatozoides) poden permanecer almacenados e viables no corpo da femia ata dez meses. Ademais, “os dous sexos teñen múltiples compañeiros de cópula, sendo probable que exista algún tipo de competencia co fin de que o último macho en aparearse deixe a súa pegada xenética na descendencia, tratando de eliminar o esperma do anterior co seu brazo, cuxa punta parece estar deseñada para este fin” -sinala o experto-.

Os resultados obtidos son de vital importancia para a conservación desta especie e para o deseño e xestión da acuicultura do polbo

Estas particularidades no comportamento reprodutivo do polbo común levaron aos investigadores da USC a afondar no seu estudo. Nesta liña, analizaron os xenotipos de femias e das súas postas, a partir de mostras de ovos obtidos en exemplares baixo condicións de cultivo, así como do tecido muscular das femias correspondentes. E os resultados obtidos botan por terra a teoría existente ata o momento e confirman a paternidade múltiple do polbo, é dicir, que aínda que o último macho arrinque os espermatóforos do anterior, sempre queda algo de esperma no corpo da femia, resultado de cópulas previas.

“Segundo os datos conseguidos, polo menos dous machos tiveron éxito na fertilización dos ovos procedentes dunha mesma posta” -declara o investigador-. Rey Méndez apunta que “o terceiro brazo modificouse evolutivamente para ese fin pero parece que non funcionou de maneira perfecta, xa que mesmo pode haber tres ou catro pais diferentes”. E manifesta que “esta primeira evidencia de paternidade múltiple no polbo é de vital importancia e deber terse en conta nos estudos de xenética de poboacións e de conservación desta especie, así como no deseño e xestión da acuicultura do polbo común”.

As femias morren cando eclosionan os ovos, o que representa unha perda económica para as instalacións dedicadas ao engorde do polbo

Dende o punto de vista do seu cultivo, é importante o coñecemento reprodutivo desta especie para ver como se deben mesturar machos e femias. Tal como explica o investigador da USC, o polbo ten unha vida curta, de entre un ano e medio e dous anos. E as femias morren ao non alimentarse despois do longo período que vai dende a posta ata a eclosión dos ovos.

“Cando se pesca un polbo femia dun quilo, que é o tamaño mínimo legal establecido, isto indica que ese exemplar nunca se reproduciu, xa que en canto pon os ovos morre no proceso de mantemento dos mesmos, o que representa unha importante perda económica para as instalacións acuícolas” -sinala Rey-.

Os polbos poden alcanzar os tres quilos en tres meses en instalacións dedicadas ao seu engorde

Na actualidade non é posible o cultivo completo do polbo a escala industrial, aínda que se ten logrado no eido experimental. Só existen experiencias de engorde do cefalópodo en bateas, é dicir, que se collen xuvenís de tamaño legal e engórdanse en xaulas controladas. “Lógrase un engorde impresionante, de xeito que os polbos poden chegar aos tres quilos en tres meses” -sinala Rey Méndez-. Tal como apunta o investigador, o interesante sería poder cerrar o ciclo e lograr que os polbos nazan e medren en catividade. Para a realización destes estudos os investigadores colaboran con pescadores que traballan no engorde de polbos na localidade pontevedresa de Moaña e que pescan nas illas Cíes.

Tal como apuntan os expertos, “nas bateas dedicadas ao engorde do polbo observouse que, ao redor das xaulas, no mar, aparecían unha gran cantidade de crías de polbo, o que implica que esta actividade ofrece a oportunidade de incrementar a pesquería no mar”.

Os investigadores da Universidade de Santiago deseñaron un sistema de xaulas para o cultivo do polbo na súa fase de engorde, de xeito que as covas onde se fan as postas dos ovos se poden extraer e trasladalas a unha especie de “xaulas de maternidade” para que os ovos eclosionen e se poidan liberar ao medio mariño, de cara á repoboación desta especie.

O seguinte paso é comprobar se existe correlación entre os ovos que se liberan ao mar e os polbos comerciais que se pescan ao ano seguinte. O equipo xa recolleu mostras de adultos procedentes do medio mariño e na actualidade estanos a estudar dende o punto de vista xenético.