Investigadores da USC estudan os mosteiros da Ribeira Sacra, de interese para a proposta do territorio como Patrimonio da Humanidade

igrexa do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de SilO Grupo de Proxectos e Estudos sobre Patrimonio Cultural da Universidade de Santiago, coñecido co nome de “Iacobus”, leva quince anos investigando no patrimonio monástico de Galicia. Ao longo deste tempo conseguiron poñer en valor todos os cenobios da comunidade, considerados polos expertos como “de primeira orde” a escala nacional.

 

O coordinador do grupo e decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC é o profesor Juan Manuel Monterroso Montero. Explica que un dos proxectos que están a desenvolver na actualidade, subvencionado polo Ministerio de Cultura, céntrase no estudo de dous dos mosteiros con máis peso no conxunto de Galicia, o de Santo Estevo de Ribas de Sil (en Nogueira de Ramuín) e o de Santa María de Montederramo (no concello ourensán do mesmo nome), como valor potencial no sector turístico e no desenvolvemento da comarca da Ribeira Sacra. O primeiro funciona como parador e igrexa parroquial; e o segundo como igrexa parroquial e colexio de educación primaria, cunha parte de uso privado.

“Estudamos estes cenobios dende o punto de vista histórico-artístico e como eixos da actividade na zona, sobre a que exercen un dominio territorial moi forte. E no futuro a acumulación de coñecemento será de interese para defender a proposta da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade” -declara o investigador-. Por outro lado, trátase de poñer ao alcance doutros profesionais recursos e información que sirvan para mellorar tanto futuras explotacións dos mosteiros como posibles intervencións de cara a optimizar a súa conservación. Segundo manifesta o profesor da USC, “isto ten unha enorme relevancia dende o punto de vista do patrimonio e tamén da mellora turística do territorio”.

No relativo á explotación turística dos cenobios, os investigadores están a valorar como ten influído a conversión do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil en parador. Ademais, o equipo da USC levou a cabo, en colaboración con expertos doutras disciplinas, estudos de carácter histórico, turístico, territorial e legal da zona, de cara a coñecer a evolución da Ribeira Sacra.

Colaboración con expertos da Universidade de Xénova

Os investigadores galegos teñen colaborado nesta iniciativa con profesores da Facultade de Arquitectura da Universidade de Xénova. Os expertos italianos aportaron a súa experiencia neste eido de cara á súa aplicación en futuras intervencións que se fagan nos mosteiros galegos, que, segundo os historiadores, presentan características moi similares aos cenobios italianos da mesma orde.

O equipo descubriu as diferentes fases construtivas polas que pasaron estes mosteiros, descoñecidas ata o de agora

O equipo da Universidade de Santiago conseguiu definir os talleres que no seu día interviron na construción de cada un dos mosteiros, é dicir, que descubriron as diferentes fases construtivas polas que pasaron, descoñecidas ata o de agora. “Puidemos comprobar que existe unha gran similitude entre os mosteiros galegos e outros da mesma orde no resto de España” -explica o coordinador do proxecto-.

Os investigadores teñen profundizado ademais nas claves ideolóxicas e relixiosas que teñen movido a estes mosteiros nas diferentes épocas. “Tratamos de coñecer o motivo polo que están amoblados dunha determinada maneira, que mensaxes litúrxicas se teñen transmitido en cada un deles…” -sinala Juan Manuel Monterroso-. Ademais, os historiadores teñen avanzado na evolución histórica do réxime de propiedade destes cenobios. Tal como apunta o profesor, “todos eles pertenceron á Igrexa, logo foron desamortizados, pasaron por mans privadas… mesmo pode darse o caso de que un mosteiro teña varias propiedades á vez”.

O equipo da USC, en colaboración coa Fundación Pedro Barrié de la Maza, está a ultimar unha publicación titulada Pedra sobre auga, coordinada polos profesores Juan Manuel Monterroso e Enrique Fernández Castiñeiras, na que se presentarán os resultados do proxecto.

Mapa de risco das pinturas murais

Noutra liña de traballo, en coordinación con biólogos da Universidade de Santiago (dirixidos pola profesora Benita Silva Hermo), o Grupo de Proxectos e Estudos sobre Patrimonio Cultural está a levar a cabo o mapa de risco das pinturas murais de toda a Ribeira Sacra. “Isto ten interese porque os mosteiros preséntanse como centro pero teñen repercusión en todo o territorio” -manifesta o profesor Monterroso-. Esta iniciativa esta subvencionada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.