Un estudo da USC analiza as malformacións cavernosas cerebrais para mellorar o tratamento desta doenza, que afecta a unha de cada 200 persoas
- Detalles
- Categoría: CITT-USC
- Published: Mércores, 23 Marzo 2011 23:00
- Visitas: 1054
A enfermidade pode provocar fortes dores de cabeza, ataques epilépticos e ata hemorraxias, nos casos máis graves
Un grupo de investigadores do Departamento de Fisioloxía da USC, na Facultade de Medicina, está a estudar as malformacións cavernosas, co obxectivo de avanzar no coñecemento e tratamento desta doenza, que afecta a unha de cada 200 persoas.
O coordinador do proxecto é o profesor Juan Zalvide Torrente, que explica que “os vasos sanguíneos do cerebro, en certas partes, non se comporta como debería dando lugar á formación de tubos que compoñen unha especie de globos ou cavernas”. Este feito provoca unha serie de enfermidades que se coñecen baixo a denominación xenérica de malformacións cavernosas cerebrais ou cavernomas. Trátase dun tipo de anomalías vasculares pouco estudadas, difíciles de ver, que na actualidade se detectan mediante resonancia magnética nuclear.
A súa incendia na poboación pode manifestarse ao longo de toda a vida, segundo explica Zalvide, quen sinala que “na maior parte dos casos descoñécese a súa existencia”, aínda que se sabe que entre o 20 e o 30 por cento das malformacións causan fortes dores de cabeza, ataques epilépticos e ata hemorraxias nos casos máis graves, que poden ser perigosas.
O proxecto do equipo de investigación da USC ten tamén por obxecto avanzar no tratamento destas doenzas. Na actualidade, cando se detecta un cavernoma só existen dúas solucións: agardar e ver como evoluciona ou extirpalo mediante cirurxía. Porén “a neurocirurxía sempre é un risco e, dependendo onde se localice a malformación, pode ser máis ou menos doada de practicar”, engade o profesor Juan Zalvide.
Así, segundo os datos aportados polos investigadores da USC, entre o 20 e o 30 por cento dos casos teñen unha orixe xenética. De feito, segundo este estudo, nalgunhas células dos vasos sanguíneos mútase un determinado xene, o que fai que as células se comporten de xeito anormal. Precisamente, o equipo da Universidade de Santiago está a estudar como se comportan cando teñen o xene alterado. “Poñemos células normais en cultivo, quitámoslles o xene e estudamos se se comporta de xeito distinto, se o fai dunha determinada forma e por que ocorre isto”, sinala Zalvide.
Na actualidade, o equipo de investigadores da USC está a desenvolver estes estudos in vitro. O seguinte paso será aplicar os seus achados a animais en laboratorio.