Investigadores da Escola Politécnica de Lugo buscan as mellores variedades de mazá para relanzar a produción e comercialización da sidra galega

maceira_webA coordinadora do proxecto considera que “a sidra asturiana e vasca deben, en parte, a súa calidade ás mazás galegas” que tradicionalmente se veñen comercializando nestas comunidades

Seleccionar as variedades de mazá de maior calidade, potenciar o seu cultivo, avaliar os consumidores galegos e poñer a punto técnicas de elaboración que permitan obter novas sidras de interese para o mercado. Estes son obxectivos que persegue o proxecto de investigación promovido por un equipo da Escola Politécnica Superior de Lugo, coordinado pola profesora Belén Díaz Hernández.

En Galicia, prodúcense cada ano unhas 85.000 toneladas de mazá, das que a metade son de sidra. Destas, dous terzos corresponden a ecotipos locais, que tradicionalmente se veñen comercializando en Asturias e o País Vasco, segundo explica Belén Díaz. “Entón, pódese afirmar que tanto a sidra asturiana como vasca deben a súa calidade, en parte, ás mazás galegas”, afirma a investigadora, que indica que atopar novos patróns para a elaboración da sidra galega permitiría relanzar o mercado e incrementar o sector na comunidade.

O proxecto de investigación persegue catro obxectivos. Por un lado, trátase de seleccionar plantacións galegas de mazá de sidra axeitadas para a elaboración de bebidas de elevada calidade. Para logralo, precísase realizar a caracterización das mazás destinadas á fabricación de sidra. Ademais, os investigadores estudarán aspectos como o desenvolvemento vexetativo ou a sensibilidade a pragas e a certas enfermidades das maceiras autóctonas e caracterizarán as sidras elaboradas coas variedades galegas seleccionadas, para comparalas coas variedades asturianas.

O segundo obxectivo do estudo é buscar novos patróns na elaboración de sidras, tratando de optimizar os parámetros fundamentais. Para iso, os investigadores estudarán o período de recolección para cada un dos clons seleccionados. Tamén analizarán unha mestura equilibrada de mazá en sidra elaborada con diferentes variedades, así como a evolución da fermentación.

O terceiro obxectivo que procuran os investigadores é potenciar o cultivo regular en Galicia das variedades autóctonas seleccionadas. Por último, o equipo da USC realizará a caracterización sensorial dos diferentes produtos obtidos, para o que se empregará un panel de catadores previamente adestrado.

O proxecto, iniciado a finais de 2008, está previsto que se conclúa en setembro deste ano. Na actualidade o equipo da Universidade de Santiago está a avanzar nas análises correspondentes ao ano 2010 e o seguinte paso será tratar tódolos datos de cara á obtención dos resultados.

Con todo, Belén Díaz conclúe que se se “adecúan os produtos á demanda interior galega e á exterior, en países con tradición sidreira como Inglaterra, Francia ou Estados Unidos, conseguiranse sidras de alta calidade, de maneira que cheguen a seren bebidas de prestixio que rendabilicen o cultivo da maceira e afiancen a industria agroalimentaria”.

Segundo explica a investigadora, na actualidade o sector tende a elaborar, dentro das novas liñas de produtos, sidras cunha soa variedade de mazá ou cun reducido número de variedades. Tamén están a adquirir auxe as sidras de mesa, coñecidas tecnicamente como sidras de nova expresión, que, a diferenza das sidras naturais, sérvense, sen escanciar, en vaso ou en copa. A elaboración de sidras de elevada calidade, diferenciadas doutras existentes e que respondan ao gusto do mercado, require un estudo previo completo das mazás, que permita seleccionar os cultivares máis interesantes.

Así mesmo, o equipo da Universidade de Santiago colabora co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), da Xunta de Galicia, nunha plantación experimental con maceiras autóctonas, onde se recollen algunhas variedades interesantes, á marxe das que os investigadores están a avaliar doutras zonas, en particular de Chantada e A Estrada.