Un equipo de psicólogos da USC estuda, con carácter pioneiro en España, a evolución da linguaxe en nenos prematuros

equipo_linguaxe_webInvestigan tamén se as características do contorno familiar poden repercutir no seu desenvolvemento

O Grupo de Adquisición da Linguaxe e Trastornos do Desenvolvemento da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago está a estudar a evolución da linguaxe en nenos prematuros. É o primeiro estudo destas características que se leva a cabo en España e conta coa colaboración dos Complexos Hospitalarios da Coruña, Vigo e Ourense, xunto co Centro Materno-Infantil Nosa Señora de Belén da Coruña.

O coordinador do proxecto é o catedrático Miguel Pérez Pereira. Explica que o proxecto pretende seguir a evolución de 150 nenos prematuros e comparalos con outros 49 nenos nacidos a termo. A recollida de datos consta de catro fases: aos 15 días de nacer, aos 10 meses, aos 22 meses e aos 30 meses de vida.

Segundo os resultados obtidos polo momento, non se atoparon diferenzas aos dez meses de vida nin en comprensión, nin en produción da linguaxe inicial entre nenos prematuros e nenos nacidos a termo, “debido posiblemente a que o desenvolvemento da linguaxe nesta idade aínda é escaso, polo que é importante ver a evolución posterior” -afirma o coordinador do proxecto-. Nesta liña, o equipo da USC pretende facer un seguimento dos nenos que participan no estudo ata a súa adolescencia, aínda que en principio farase ata os seis anos.

Onde si se atoparon diferenzas entre os dous grupos de nenos foi na puntuación conxunta que mide a capacidade de usar xestos comunicativos, a imitación de comportamentos dos adultos e a participación en rutinas e xogos. O seguinte paso será comprobar se co desenvolvemento da linguaxe xorden diferenzas entre os nenos prematuros e os nacidos a termo, ademais de valorar o papel de factores biomédicos e ambientais.

Fases

O estudo iníciase cando os nenos teñen quince días de vida. No caso dos prematuros tense en conta a denominada “idade corrixida”, é dicir, quince días sumados aos días de retardo que teñen con respecto aos nenos nacidos a termo, co fin de poder comparar os resultados dos dous grupos. A través dunha serie de probas valórase o estado do recén nacido en diferentes aspectos, de cara a determinar o seu estado de maduración neurocognitivo. Trátase de cuestións como a capacidade de habituación, a orientación, a motricidade, a variabilidade de estados ou os reflexos, entre outras.

Por outro lado, fáiselle unha entrevista á nai, destinada a proporcionar información de interese sobre a composición familiar, o medio socioeconómico, a existencia de apoio social á familia, o nivel educativo ou os hábitos de vida e saúde.

Desenvolvemento comunicativo e lingüístico

A segunda fase de recollida de datos ten lugar aos dez meses de vida (“idade corrixida” no caso dos prematuros). As probas que se lles aplican aos nenos tratan de avaliar o seu desenvolvemento comunicativo. Unha destas probas foi deseñada polo equipo da USC e céntrase na evolución das habilidades comunicativas no neno: comprensión e produción da linguaxe, uso de xestos, imitación, participación en xogos ou accións con obxectos.

Nesta fase os investigadores empregan tamén un cuestionario de conduta infantil para coñecer o temperamento dos nenos: se son asustadizos, se teñen facilidade ou non para tranquilizárense, como levan a frustración e como se consolan. Por outro lado, as nais sométense a unha escala de depresión materna, posto que este estado pode influír na evolución dos menores, tal como asegura o coordinador do proxecto.

A repercusión do estrés paterno

A terceira fase do estudo, aos 22 meses de vida, pretende coñecer a adaptación social dos nenos, a súa psicomotricidade e o nivel de desenvolvemento cognitivo. Así, avalíase tamén a calidade do medio familiar, os recursos materiais ou a organización da vida, de cara a analizar se existen diferenzas entre as familias. Tamén se estudan as habilidades lingüísticas nos nenos e a súa conduta.

Por outro lado, os investigadores analizan o estilo de apego do neno e dos pais. Avalíanse en particular as características da relación que teñen os nenos coas nais, posto que “é importante establecer unha figura de apego de cara ao bo desenvolvemento futuro do menor” -resalta o profesor Miguel Pérez-. Ademais, o equipo mide nesta fase o índice de estres paterno, debido a que se ten comprobado que un elevado nivel de estres vinculado ao coidado dos fillos afecta ao seu desenvolvemento.

Na cuarta fase, que ten lugar aos trinta meses de vida, o equipo avalía as habilidades lingüísticas dos nenos (léxico, morfoloxía e sintaxe). E fanlle unha entrevista ás nais para ver se cambiou algún aspecto importante no contorno familiar co paso do tempo. Tamén se analiza o estilo de crianza dos pais. E, por último, os proxenitores cobren un cuestionario que permitirá facer unha estimación das competencias cognitivas dos nenos, por exemplo, como se enfrontan á resolución de problemas.