A USC participa nun proxecto europeo para mellorar o ensino das ciencias en Secundaria
- Detalles
- Categoría: CITT-USC
- Published: Martes, 01 Marzo 2011 23:00
- Visitas: 1113
O estudo pretende mellorar o interese do estudantado polas disciplinas científicas
Un equipo de investigadores do departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da Universidade de Santiago participa nun proxecto europeo destinado a mellorar o ensino das ciencias e incrementar o interese dos alumnos de Ensino Secundario polas disciplinas científicas. Con tal fin, están a desenvolver unha serie de materiais pedagóxicos dirixidos aos docentes, en particular aos de Secundaria. O proxecto, liderado por Noruega, está integrado por un total de 25 institucións académicas de 15 países. En España, a coordinadora do proxecto é a profesora da USC Mª Pilar Jiménez Aleixandre.
A idea central do proxecto é axudar aos profesores a que empreguen métodos de indagación nas súas clases, co propósito de os estudantes se fagan preguntas, collan problemas reais que perciban no súa contorna e realicen traballos de investigación para explicar o que nos rodea. Non se trata pois de que os alumnos memoricen, senón de que poñan en práctica o que aprenden de cara a resolución de problemas, de xeito que teñan un papel activo no ensino, segundo explica Jiménez Aleixandre.
Concretamente, o grupo da USC céntrase no desenvolvemento de actividades baseadas no uso de probas e da argumentación no ensino das ciencias. Porén, ás veces no resulta fácil para o profesorado deseñar actividades que promovan o desenvolvemento da capacidade para avaliar o coñecemento. Nesta liña, os investigadores da Universidade de Santiago está a crear recursos pedagóxicos baseados no uso de probas, co propósito de que os docentes poidan adaptalos ou usalos como modelo para propoñer as súas propias actividades. “Non se trata só de experiencias empíricas, senón tamén de usar a argumentación”, explica a profesora Mª Pilar Jiménez.
Os materiais pedagóxicos intercámbianse cos profesores de Secundaria a través de internet. Así mesmo, o equipo traballa tamén na creación de redes virtuais entre docentes de cara a compartir ideas sobre o que se está a facer neste eido nos distintos países europeos.
A coordinadora do proxecto en España salientou que existe unha gran preocupación en toda Europa sobre os problemas derivados do ensino das ciencias. Mª Pilar Jiménez incidiu en que “hai unha falta de interese xeneralizada por parte dos estudantes de cara a estas disciplinas, de xeito que tratamos de buscar unha solución conxunta”.
“Temos que facerlles ver que decidirse polas ciencias é unha opción interesante”, engade a investigadora, quen asegura que “o desinterese está moi vinculado a como se ensinan as ciencias, polo que cómpre incidir na formación permanente do profesorado”.
Porén, a aplicación destes métodos implica un “novo xeito de traballar” , que require máis tempo co que os programas de estudo teñen que ser máis reducidos, afirma Jiménez, que pon como exemplo Inglaterra, “onde hai poucos temas obrigatorios e moitos optativos e un terzo das clases de ciencias dedícanse a laboratorio”.