O Grupo de Sistemas Intelixentes traballa no desenvolvemento de robots que se poidan usar como guía en museos e eventos
- Detalles
- Categoría: CITT-USC
- Published: Xoves, 24 Febreiro 2011 23:00
- Visitas: 1009
O profesor Roberto Iglesias participa na investigación, que ten por obxecto a integración da robótica en usos cotiás
O equipo de robótica do Grupo de Sistemas Intelixentes da Universidade de Santiago está a traballar no desenvolvemento de robots que sirvan de guías en museos e eventos e que teñan un custo limitado. Na iniciativa participa tamén o Centro de Investigación en Sistemas Intelixentes do Reino Unido e colaboran expertos da Universidade de Keele (Reino Unido) e da Universidade de Alcalá de Henares, ademais de profesores de ensino secundario de Galicia.
O proxecto ten como finalidade “lograr unha aplicación de impacto social que permita avanzar nos retos actuais da investigación neste eido e, por outro lado, que favoreza unha robótica social mediante a integración de robots en ambientes cotiás”, explica o profesor Roberto Iglesias Rodríguez, investigador principal de dous dos proxectos do equipo.
Así, o grupo fixouse como obxectivo o desenvolvemento dun robot guía que poida adaptarse ao entorno de xeito fácil e rápido e que interaccione cos usuarios. Concretamente, os investigadores tratan de desenvolver autómatas que dean información aos visitantes de museos e de eventos diversos, sen necesidade de que teñan que deseñar un software específico para cada ocasión. “ Requírese que o robot teña capacidade para aprender como se fose unha persoa. Alguén lle ensina o que ten que saber, como as rutas que debe seguir durante unha visita, as explicacións que debe dar aos visitantes, cales son os puntos de maior interese no percorrido”, sinala o profesor Iglesias. Deste xeito, unha persoa fai de guía ao robot para que aprenda e logo sirva el mesmo de guía a futuros usuarios.
Adaptación ao entorno
Na mesma liña, os investigadores da USC buscan tamén que o movemento do robot se adapte ao contorno, de maneira que saiba desprazarse nun espazo no que se producen cambios. A máquina ten que ser capaz de aprender a partir da súas experiencias e dos seus erros, polo que debe axustar os seus comportamentos ás transformacións que vai sufrindo o contexto. Nesta liña, o profesor Roberto Iglesias explica que os sensores que leva o robot responden de xeito diferente segundo os materiais e as características de cada espazo (cristal, formigón, luz natural ou artificial), o que complica o proceso. Así, entre os retos do equipo está que o robot se adapte ás diferentes situacións posibles, sen necesidade de programación específica previa.
Por outro lado, o equipo de investigadores da Universidade de Santiago trata de avanzar na comprensión de escenas por parte da máquina, mediante o emprego de cámaras despregadas no contorno. Neste senso, preténdese que o robot sexa capaz de detectar situacións nas que a súa presenza poida ser importante. Por exemplo, deberá decatarse cando alguén estea a reclamar a súa atención e, en consecuencia, achegarse e aportar a información precisa.
Unha terceira liña na que traballan os investigadores da USC é na localización de persoas e robots en interiores, mediante estratexias de localización wifi. Así, valórase a posibilidade de que os asistentes a un evento dispoñan dunhas tarxetas de chamada que lles permitan poñerse en contacto co robot cando o precisen, para que os asista na súa visita.