Investigadores da USC están a avaliar os riscos para a saúde humana de toxinas mariñas propias das augas temperadas e tropicais presentes nas costas europeas
- Detalles
- Categoría: CITT-USC
- Published: Xoves, 10 Febreiro 2011 23:00
- Visitas: 979
Investigadores do Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Veterinaria da USC está a avaliar os perigos que poden ter para a saúde humana as toxinas mariñas presentes nas costas europeas, algunhas delas propias de augas temperadas. O proxecto, que se iniciou a principios de 2010, ten unha duración de tres anos e está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación. Cos datos que se obteñan, o equipo realizará unha avaliación do risco real que supoñen estas toxinas para os consumidores en Europa.
O proxecto, que coordina Amparo Alfonso Rancaño, pretende determinar se as ficotoxinas habituais nas augas temperadas e tropicais representan un problema nas costas europeas. Tal como sinala a investigadora, a administración pública realiza continuos programas de monitorización de ficotoxinas, destinados a garantir que os produtos derivados da pesca e da acuicultura sexan aptos para o consumo humano. “Por un lado, monitorízase a presenza na auga do mar das especies máis frecuentes de microalgas tóxicas nas costas de Europa e, polo outro, a presenza de toxinas producidas por esas microalgas en produtos da pesca e da acuicultura” -explica-.
A investigadora da USC sinala que “a distribución xeográfica das microalgas e das toxinas é moi complexa”. Indica que factores como o incremento do tráfico mundial de mercancías e de persoas, xunto cos problemas derivados do cambio climático como o aumento da temperatura da auga do mar, fan que algunhas toxinas que antes eran exclusivas dunha zona poidan atoparse agora en áreas xeográficas moi distantes.
Así, segundo afirma a profesora Alfonso Rancaño, tense descrito a presenza de especies de microalgas dos xéneros Ostreopsis e Gabierdiscus, propias de rexións tropicais, no Mediterraneo. Paralelamente, téñense identificado toxinas derivadas destas e doutras microalgas orixinais de augas cálidas en peixes e gasterópodos capturados nas costas de Madeira, nas illas Canarias e no Mediterráneo.
Neste contexto, o proxecto no que está a traballar o equipo da USC busca determinar se nas costas europeas existen especies de microalgas tóxicas de xéneros non habituais nestas latitudes. Ademais, os investigadores estudarán as condicións ambientais óptimas para o seu crecemento e para a produción de toxinas. Por outro lado, analizarán a presenza de certas toxinas mariñas en produtos da pesca, ao tempo que desenvolverán métodos que permitan a súa detección e identificación, e tamén valorarán os perigos derivados da súa toxicidade para a saúde humana.
Colaboración con ANFACO
O desenvolvemento do proxecto inclúe a colaboración, nun dos dous subproxectos nos que se desenvolve, da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), con sede en Vigo, que aglutina os intereses das industrias españolas relacionadas cos produtos da pesca e a acuicultura.
O centro tecnolóxico da Asociación (Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca) encárgase de realizar o control rutinario de biotoxinas sobre todo tipo de moluscos e presentacións culinarias. Participan no proxecto liderado pola USC a través do seu laboratorio de Microbioloxía e Toxinas.
Os dous grupos colaboran dende hai vinte anos e xa teñen desenvolto varias patentes para detectar e extraer toxinas mariñas. Posúen numerosas publicacións conxuntas e, ademais, participan con outros laboratorios no desenvolvemento de cinco proxectos do VI e VII Programa Marco da Unión Europea.