O Grupo de I+D de Fármacos traballa na modificación da estrutura de compostos naturais para mellorar a súa acción terapéutica

equipo_polifenois_webOs novos compostos sintetizados posúen propiedades cardioprotectoras e neuroprotectoras, abrindo novas vías de tratamento para o Párkinson, Alzheimer ou a depresión

O Grupo de I+D de Fármacos da USC está a desenvolver compostos con propiedades cardioprotectoras e neuroprotectoras, a través dunha liña de investigación que desenvolve en colaboración co Departamento de Farmacoloxía da USC. O coordinador do proxecto, o profesor Eugenio Uriarte xunto coa profesora Lourdes Santana, explica que o traballo se centra na síntese de polifenois, un tipo de substancias presentes habitualmente en boa parte das froitas, verduras e no viño tinto. O organismo absórbeas e pasan a formar parte do sangue aumentado a capacidade antioxidante. Deste xeito, as células vense beneficiadas pola acción destas substancias que reteñen o impacto dos radicais libres, resultado da oxidación celular.

En concreto, o equipo está a sintetizar polifenois análogos de resveratrol, flavonoides e derivados de cumarinas. Moitos deles son compostos naturais presentes na natureza que teñen efectos cardioprotectores porque son vasodilatadores. Os investigadores modifican as súas estruturas co fin de potenciar e mellorar a súa actividade cardioprotectora.

O grupo avanza na busca de novas moléculas derivadas destes compostos naturais e, nalgúns casos, da mestura de varios colocando nunha mesma molécula distintas partes que poidan ter propiedades sinérxicas inspirándose sempre en produtos procedentes da natureza. Obteñen deste xeito no laboratorio compostos de estrutura análoga aos naturais, aínda que mellorados, coas súas propiedades optimizadas.

Os investigadores da USC xa avaliaron o potencial cardioprotector dos seus compostos e os resultados están a ser moi positivos, engade o profesor Uriarte, xa que posúen unha actividade farmacolóxica máis potente in vitro que os fármacos que se están a empregar na actualidade para tratar doenzas que afectan ao corazón.

Potencialidade neuroprotectora

Por outro lado, os investigadores avaliaron a acción destes compostos como inhibidores das monoaminooxidasas, “unha gran familia de encimas distribuídas por todo o corpo, que favorecen a degradación de neurotransmisores, e poden ser de tipo A ou de tipo B” -explica Eugenio Uriarte-.  Nesta liña, o profesor destaca que cómpre dispor de potentes inhibidores das tipo A polo seu interese antidepresivo e, por outro lado, inhibidores das tipo B para combater a enfermidade de Párkinson.

O equipo comprobou que os seus compostos, ademais de teren propiedades cardioprotectoras, tamén presentan un importante potencial neuroprotector ao incidir en enfermidades do sistema nervioso central. Resulta de enorme relevancia de cara ao deseño futuro de fármacos para o tratamento do Parkinson, o Alzheimer, a depresión e outras enfermidades mentais. O profesor Uriarte asegura que son compostos moito máis activos e selectivos in vitro que os produtos comerciais que existen na actualidade para tratar este tipo de doenzas. Ademais, indica que carecen de citoxicidade.

Tratamento de procesos infecciosos

O tratamento das infeccións en xeral, por bacterias, fungos, parasitos, virus ou por procesos canceríxenos, é outra das dianas arredor da que traballan os investigadores de Grupo de Fármacos. A finalidade é que no futuro poidan constituír a base de fármacos antiinfecciosos. Segundo os resultados iniciais obtidos polo equipo, estes compostos estanse a comportar de xeito positivo de cara a facer fronte a infeccións de tipo bacteriano en peixes.