Edafólogos da USC están elaborando un mapa dixital sobre o contido de carbono dos solos da cornixa cantábrica

equipo_carbono_web

Os solos teñen capacidade para fixar carbono, co que contribúen a mitigar o exceso de CO2 na atmosfera

“Tendo en conta que o dióxido de carbono é o principal gas de efecto invernadoiro, as políticas de reforestación, sobre todo en rexións climáticas de elevada produtividade, contribúen a reducir os efectos sobre o cambio climático mediante a fixación de carbono do aire, transformándoo en materia orgánica da biomasa vexetal e do solo forestal”. A catedrática de Edafoloxía da USC Rosa Mª Calvo explicaba deste xeito a importancia de estudar o contido de carbono nos solos, tema arredor do que está a traballar un equipo do Departamento de Edafoloxía da Universidade compostelá que ela mesma coordina.

Esta liña de investigación concluirá coa elaboración dun mapa dixital no que se reflectirá o contido de carbono nos solos da cornixa cantábrica. Neste proxecto, subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, colaboran investigadores do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural do Campus de Lugo.

Neste senso, a coordinadora do estudo asegura que o norte da Península Ibérica é a zona de maior potencialidade de España como sumidoiro ou depósito de carbono. Nesta liña, o equipo da USC centra o seu traballo na análise do carbono nos solos de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco. Os investigadores están a tomar na actualidade mostras de solos na área de estudo en diferentes microclimas, coberturas vexetais ou variacións altitudinais, entre outros.

Os resultados do proxecto, que ten unha duración de tres anos, contribuirá a mellorar a base de datos de solos en Europa e axudarán a realizar cálculos o máis axustados posible sobre a fixación de carbono respecto aos diferentes usos da terra e ás diferentes actividades silvícolas.

Kioto

Rosa Mª Calvo sinala que o estudo toma como marco de referencia o Protocolo de Kioto, de obrigado cumprimento para os países industrializados e no que se establecen obxectivos de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Entre as políticas e medidas adoptadas para previr o cambio climático, o Protocolo recoñece a posibilidade de que en cada país a retención de carbono sirva para compensar unha parte das súas cotas de emisión de CO2. Segundo datos da coordinadora do proxecto, a estimación dos solos como depósitos de carbono ten xerado nalgúns estados membros da Unión Europea dereitos adicionais do 1 ao 4 por cento sobre os obxectivos de emisión para o período 2008-2012. De feito, os datos que obteña este equipo serán de utilidade para estimar os dereitos adicionais de emisión de cada país de acordo aos obxectivos fixados polo Protocolo de Kioto.

Como apunta a profesora Calvo, na actualidade, a pesar de que existen abundantes estudos relativos ás porcentaxes de carbono nos solos de diferentes partes do mundo, “non se ten contabilizado o contido total, en termos de tonelada de carbono por hectárea de solo”.