Investigan as propiedades antioxidantes dos viños brancos galegos

equipo_LIDSA_webOs polifenois son un dos motivos polos que o consumo moderado de viño pode resultar moi beneficioso para a saúde. Con este argumento, investigadores da USC están a desenvolver un estudo sobre a actividade antioxidante dos viños brancos galegos, a través dun proxecto que financia o Plan Galego de I+D+i coa colaboración de bodegas das cinco denominacións de orixe galegas.

 

A decisión de traballar co viño branco está relacionado directamente cos grandes indicadores da industria vitivinícola galega, xa que -segundo indican os responsables do traballo- máis do 95 por cento da produción de viño en Galicia está etiquetada baixo algunhas das denominacións, destacando que un 70 por cento deste total é branco. “Potenciar o carácter antioxidante destes viños xerará un valor engadido ao produto que permitirá a competencia directa cos viños tintos, maioritarios sobre todo noutras denominacións de orixe no ámbito nacional”, apunta a coordinadora do proxecto, a profesora Marta Lores Aguín.

O que fai saudable ao viño son os polifenois -engade a investigadora- compostos presentes na natureza con poderosas propiedades antioxidantes. Cada variedade de uva ten unha presenza distintas destes ingredientes, o que á súa vez se plasmará nos viños que delas se elaboren. Así, as uvas tintas posúen 5.500 miligramos por quilo, mentres que as brancas rexistran 4.000 por quilo. As desigualdades, tal e como sinala Lores Aguín, increméntanse na elaboración do viño, xa que os tintos manteñen unhas cantidades de polifenois de entre 700 e 4.000 mg por quilo e os brancos de entre 150 e 400 mg por litro.

Esta diminución está relacionada co proceso de vinificación. No proceso de elaboración do viño branco sepáranse as peles da uva do mosto, fermentando de xeito independente. Por contra, no tinto mestúrase todo para a súa fermentación o que enriquece o caldo con maior cantidade de polifenois totais. Como explica a profesora Carmen García Jares, outra das investigadoras responsables, na elaboración do viño tinto a maior parte dos polifenois da uva pasan ao caldo, mentres que nos brancos quedan na súa maioría no bagazo, de aí o interese de estudar igualmente o contido dos compostos antioxidante presentes deste refugallo.

Aproveitamento do bagazo

Unha mínima parte deste bagazo utilízase para a elaboración de augardentes, pero a súa maioría representa para a industria un refugallo de difícil xestión polo seu volume e polos custes que leva asociados. Neste senso, o equipo do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas está intentando illar compostos deste bagazo con actividade antioxidante, na procura de saída comercial ao refugallo, de interese para a industria farmacéutica, cosmética e alimentaria.

Para o desenvolvemento do seu traballo, os investigadores xa dispoñen de todas as variedades de uva branca autóctona de Galicia, así como dalgunha de fóra. O seguinte paso do proceso será a recollida nas bodegas do viño elaborado a partir de cada un dos bagazos. O obxectivo será descubrir as principais particularidades do viño branco, atendendo á calidade dos polifenois ou a outras características de interese que se puideran manifestar neste proceso de investigación.