Un grupo de investigación da USC elabora un kiwi en almíbar que se podería comercializar

Kiwi_en_almbarUn grupo de investigadores do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado por María Ángeles Romero (Área de Tecnoloxía de Alimentos) vén de realizar unha investigación sobre o kiwi galego. Trátase dun grupo de investigación multidisciplinar, formado por Lourdes Vázquez (nutrición e bromatoloxía), Nieves Muñoz (estatística), Julio Gómez, Enrique Arbones (enxeñería agroforestal), Ramiro Barcia (bioquímica) e Emilio Ruzo (comercialización). Contan ademais coa colaboración dun grupo da Universidade de Vigo, dirixido por Pedro Pablo Gallego.

Entre os obxectivos de tal estudo, sobresaen principalmente dous: a comparación de tres sistemas diferentes de cultivo do fruto (o convencional, o integral e o ecolóxico) desde o punto de vista sensorial, físico-químico e de consumidores; e a búsqueda dunha saída para o kiwi de destrío. “O kiwi de destrío é aquel pequeno ou que ten algunhas deformidades externas e que non debería estar no mercado”, comenta Ángeles Romero. Así, o grupo de investigadores propuso o kiwi en almíbar. “Para tal fin, levamos a optimización do procedemento de elaboración”, sinala a coordinadora.

As probas para elaborar kiwi en almíbar foron un éxito. De feito, en opinión de Romero, este podería comercializarse perfectamente. “Todas as mostras foron evaluadas por distintos consumidores, que coincidían en que todos o comprarían. Gustoulles moito”, apunta Mª Ángeles.

En canto a posible comercialización do producto, a coordinadora comentou que toda a investigación levouse a cabo coa “gran axuda” da empresa Kiwi Atlántico, que almacenaba todos os kiwis estudados. Tal como explica Romero, “esta empresa está en contacto con outras moitas industrias pequenas ás que lle podería interesar elaborar kiwi en almíbar”.

En canto ás comparacións do kiwi fresco, o grupo concluíu que apenas existen diferencias entre os sistemas de cultivo desde os diferentes puntos de vista. “Apenas hai diferencia entre o cultivo ecolóxico e convencional”, comenta a coordinadora. “Hai que ter en conta que todos os consumidores fixeron as catas a cegas e os resultados din que case ningún soubo distinguir uns dos outros. En definitiva, hai moi poucas diferencias, exceptuando claro que o ecolóxico contén máis vitamina C”, conclúe Mª Ángeles Romero.