Expertos en visión artificial da USC están desenvolvendo un sistema automático que permitirá inspeccionar os trens en marcha

equipo_alexandria_webBúscase que o recoñecemento das máquinas sexa o máis rápido posible e sen necesidade de paralas

O Grupo de Visión Artificial da USC está participando nun proxecto nacional que traballa no desenvolvemento de técnicas e metodoloxías de inspección de danos e metroloxía dimensional de nova xeración para os sectores aeronáutico, ferroviario, naval e eólico.

 

O proxecto agrupa baixo un consorcio  a dezasete empresas e nove grupos de investigación de universidades e centros tecnolóxicos de Galicia, Asturias, País Vasco, Aragón e Madrid. A finalidade “é dar un salto cualitativo e cuantitativo neste eido, xerando tecnoloxías propias en España que sexan punteiras a escala internacional”, subliña o coordinador dos investigadores composteláns, o profesor Xosé Manuel Pardo López. No seu conxunto, o proxecto contempla catro subgrupos, dos que o equipo da USC é responsable de dous.

Detección automática en trens

Os expertos en Visión Artificial da USC centran os seus esforzos no procesamento de imaxes de fotografía e vídeo. Tal como explica o profesor Xosé Manuel Pardo, “no ámbito da inspección dos trens interesa coñecer o nivel de desgaste dos discos dos freos e a súa temperatura, así como o estado dos rodamentos para determinar que pezas cómpre cambiar ou se hai danos que poidan provocar un posible descarrilamento”.

Co neste obxectivo, colocan cámaras debaixo dos trens para extraer de xeito automático unha serie de medidas que servirán para elaborar informes sobre o estado das máquinas sen necesidade de que o tren teña que parar para efectuar a inspección.

Neste eido, os investigadores están a desenvolver novas técnicas e metodoloxías de medida, sen necesidade de contacto humano, para a reconstrución en tres dimensións de pezas de elevadas dimensións. A partir das fotografías das pezas extraen un modelo xeométrico para a súa posterior manipulación en función dos intereses de cada momento.

Para levar a cabo o proxecto o equipo colabora coa empresa dedicada á inspección dos trens de Renfe, Nertus, situada en Madrid. “Os trens entran en taller moi a miúdo para sometérense a estritas revisións, cada 5.000 quilómetros” -indica o profesor Pardo-. As intervencións do equipo de investigadores fanse sempre co tren en marcha, no momento da entrada ao taller, de xeito que antes de iniciar a revisión xa se coñeza en que estado se atopan as pezas e cales cómpre substituír por outras novas. Deste xeito, redúcese ao máximo o tempo destinado ás revisións.

Redución de tempos e custos

Segundo o investigador, as técnicas e metodoloxías utilizadas presentan a máxima fiabilidade, ausencia de defectos e permiten unha inspección non destrutiva. O traballo dos investigadores podería no futuro substituír o actual proceso de inspección manual cuns tempos de proceso e uns custes moi elevados, xa que os trens teñen que desprazarse ata vías especiais ou acudir a talleres de mantemento onde se someten a unha inspección visual por parte de operarios coa consecuente parada dos convois.

A finalidade deste proxecto no que participa o equipo da USC é desenvolver un sistema automático que indique a situación das pezas dos trens antes de que entren no taller. No futuro a idea é que isto se poida facer coa máquina en marcha, durante o seu percorrido e na súa velocidade habitual.