Un equipo de psicólogos da Universidade de Santiago investiga se os nenos e nenas autistas teñen dificultades para aprender por imitación

grupo_aprendizaxe_implicita_webUn equipo de investigadores da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago está a estudar a orixe cognitiva do autismo, e máis concretamente se existe déficit na aprendizaxe implícita, a capacidade de aprender de xeito inconsciente, sen prestar atención e sen intención.

 

Trátase de clarexar que procesos cognitivos están implicados no autismo así como a súa responsabilidade no torrente de efectos que se desencadean nesa síndrome. De descubrirse que existe un déficit nos procesos de imitación nas persoas con autismo sería posible traballar de xeito temperá nas súas habilidades de comunicación, co que se mellorarían en boa medida os síntomas propios deste trastorno. Ademais, poderían deseñarse tarefas destinadas a un diagnóstico precoz do autismo.

O proxecto, que se realiza en colaboración coa Universidade de Zaragoza e co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, está coordinado polo profesor Luis Jiménez, do Grupo de Aprendizaxe Implícita da USC, e o seu remate está previsto para 2012.

Neuronas espello

O autismo é un trastorno de orixe xenética e neurobiolóxica caracterizado por un espectro moi amplo de rasgos como problemas de comunicación e de socialización, preferencias moi específicas e peculiares, falta de sentido común, torpeza, dificultades na fala… Mais a pesar desta orixe existe tamén interese por coñecer os seus compoñentes cognitivos, e para estudalos os investigadores baséanse na coñecida ‘teoría dos espellos rotos’. Existe un tipo de neuronas denominadas ’espello’ que se activan como un mecanismo de imitación automático para realizar as mesmas accións que vemos executar ao noso redor. “É, pois, un sistema moi útil para reproducir outros tipos de aprendizaxe como a linguaxe, a motricidade…” sinala Luis Jiménez.

O fenómeno da atención conxunta funciona a partir dos 12 meses de idade e consolídase sobre os 18 meses. A partir de aí a aprendizaxe baséase na imitación. Así, o equipo da USC parte da idea de que un déficit nos procesos automáticos de imitación podería desencadear os efectos propios do autismo, xa que cando este sistema falla xorden problemas de aprendizaxe na linguaxe, nos patróns de interacción básicos e na interacción conxunta, nas habilidades de tipo motor, dificultades para discernir o que é importante nunha conversa ou para pórse no lugar do outro… “Todo isto apréndese socialmente, en contacto cos demais, empregando mecanismos de aprendizaxe por imitación”, sinala.

Capaces de aprender

“Os nenos e nenas autistas son capaces de aprender, pero teñen que facelo dunha maneira diferente aos demais xa que non o conseguen de xeito natural; por exemplo, mediante esquemas de cada unha das tarefas que teñen que realizar. Quere dicir isto que as persoas con autismo son capaces de imitar pero por medio de instrucións”, resalta Luis Jiménez.

Para comprobar a teoría dos espellos rotos en persoas autistas o equipo da Universidade de Santiago vai desenvolver un estudo en colaboración con centros educativos, asociacións de afectados e grupos que traballan con nenos que mostran este tipo de trastorno de Galicia e Aragón. Deseñarán e probarán tarefas de imitación tanto en nenos con autismo de alto funcionamento (Síndrome de Asperger), que posúen un nivel intelectual dentro da normalidade, como con rapaces con desenvolvemento típico. En principio aplicarase a nenos e nenas de entre 7 e 8 anos e con posterioridade a grupos de maior idade.

Imitar accións

Tense observado que as persoas autistas presentan dificultades para imitar, en particular xestos e accións que non teñen unha meta clara. Así, os investigadores da USC parten da hipótese de que se unha tarefa ten unha meta moi clara, por exemplo trasladar un obxecto dun lugar a outro, os autistas van ser capaces de imitala. Non obstante, se a meta é menos clara poden producirse déficits de imitación. Nestes casos, os rapaces e rapazas con desenvolvemento típico poderán reproducir as accións sen dificultade aínda que non vexan a meta, pero os autistas presentarán problemas.