Estatísticos da Universidade de Santiago participaron nun proxecto nacional que busca materiais cerámicos de maior aceptación

manuel_febrero_webUn equipo de investigadores da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago coordinado polo profesor Manuel Febrero Bande colaborou nun proxecto nacional destinado ao desenvolvemento de novos produtos e servizos no sector cerámico. Tratábase de caracterizar as propiedades físicas (oído, olfacto, vista e tacto) dos revestimentos cerámicos, baldosas en particular, e doutros materiais destinados á construción e de analizar as reaccións dos posibles clientes, de cara a crear patróns. Deste xeito, os fabricantes poden deseñar un catálogo de revestimentos máis adecuado ás preferencias dos usuarios.

 

Neste iniciativa participaron 28 socios, liderados polo Clúster da Cerámica que integra a fabricantes, distribuidores e comercializadores de revestimentos cerámicos, xunto con universidades e outros centros de investigación públicos. No traballo interviñeron expertos na obtención de sinais, na análise de datos e en Psicoloxía.

Patróns de comportamento

Nunha primeira fase equipos especializados en diversos eidos analizaron as características de diferentes mostras de baldosas. Así, un grupo experto en olfacto artificial encargouse, con espectrometría de gases, de analizar os efluvios que saen da cerámica. Outro dedicado á imaxe artificial obtivo medidas obxectivas de información visual a partir de fotografías dos azulexos. Un terceiro grupo dedicouse a detectar con máquinas sensibles as rugosidades dos materiais e un cuarto recolleu o son.

Unha vez caracterizados os materiais tratábase de atopar patróns de comportamento nos usuarios respecto a eses catro tipo de sinais. Por exemplo, interesaba coñecer cal sería o grao de reacción subxectiva (agradable, monótono, natural, formal…) ante certos materiais deseñados segundo certos sinais ou que as baldoas imitasen un determinado tipo de material como pode ser a madeira, de cara a decidirse pola compra. Así, segundo os datos que proporcionan os usuarios, os fabricantes dispoñen de información de interese sobre que tipo de produto deben sacar ao mercado.

Análise de datos funcionais

O equipo do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC era o encargado de analizar os datos recabados, que pola súa complexidade non se podían tratar como simples números senón que se debía facer dun xeito integrado. Así, como explica Febrero Bande, “a cantidade de información dunha soa baldosa pode equivaler a varios milleiros de variables”. Polo tanto, neste caso a información de cada baldosa aparece recollida en curvas, en superficies ou en imaxes que deben someterse a análise para extraer a información relevante.

Esta liña de investigación é una das prioritarias do grupo do profesor Manuel Febrero. Coñécese como análise de datos funcionais e constitúe unha área emerxente no campo da Estatística ligada aos procesos de monitorización e medición continua.

Os datos funcionais teñen hoxe múltiples aplicacións nos campos máis diversos. O equipo que dirixe Febreiro os aplica en ámbitos como o control da fabricación ou o ambiental, en particular para predicir a contaminación. “Se dispoñemos de datos sobre como ten sido a contaminación nos últimos anos nun contorno determinado podemos predicir como vai ser nas vindeiras horas ou días, así como diferenciar as situacións anormais daquelas que poden ter explicacións naturais”, asegura.

Tal como indica Febrero, “hai uns anos a medición da contaminación facíase a través da recollida de mostras, que informaban sobre momentos puntuais, pero agora existen aparatos capaces de ofrecer datos sobre a contaminación en continuo. O resultado é unha curva enteira, da que se pode extraer moita información, que, conxugada coa información doutros contaminantes ou da meteoroloxía, resulta de grande interese para explicar fenómenos tan complexos”.

As técnicas de datos funcionais pódense aplicar en case tódolos eidos científicos: medicina (cardiogramas, radiografías), finanzas (curvas de cotización de valores), química (curvas espectrométricas)… Nos últimos anos publicáronse máis de 4.000 artigos científicos neste ámbito.