Investigan como controlar a incidencia dos prións, axentes implicados no mal das vacas tolas

prion__lab_web
Un equipo da USC coordina un proxecto europeo que tenta esclarecer as súas particularidades

Un equipo de investigadores do Departamento de Medicina da USC coordina un proxecto europeo centrado no estudo dos prións, axentes causantes dun grupo de patoloxías neurodexenerativas letais que afectan aos mamíferos (tanto animais como humanos), como a encefalopatía esponxiforme bovina, popularmente coñecida como mal das vacas tolas. Na iniciativa participan tamén 21 grupos de I+D de universidades, centros de investigación e empresas procedentes dun total de once países, nov e da Unión Europea, S uíza e Israel.

 

O proxecto céntrase en aspectos básicos dos prións como coñecer en detalle a súa estrutura, bioloxía celular ou funcionamento, aínda que tamén pretenden estudar cuestións máis prácticas como a busca de métodos de diagnóstico, de descontaminación ou a súa bioloxía de transmisión entre animais. Ademais atenderá á súa presenza no medio, nos refugallos, nas augas residuais ou nos solos. Cada grupo implicado no proxecto está especializado nun aspecto, que no caso do equipo compostelán é o da estrutura.

“Os prións seguen a ser uns grandes descoñecidos”, explica o director do proxecto, Jesús Requena, quen explica que se trata de proteínas de carácter infeccioso capaces de autorreproducir a súa conformación, procedentes dunha proteína natural e inocua que se muda nunha forma nociva. O investigador destaca que, por exemplo, tense moi pouca información sobre a súa estrutura, sobre o seu funcionamento e mesmo sobre a súa función no organismo. Tampouco se sabe por que existen barreiras entre determinadas especies e non as hai entre outras. Así, por exemplo, os prións das ovellas non se transmiten ao seres humanos mentres que os dos bovinos si. Por outro lado, na actualidade non existen bos métodos de diagnóstico.

Ademais do mal das vacas tolas, os prións causan outras enfermidades esporádicas en humanos, sen transmisión previa. Son doenzas moi raras, cunha incidencia dun caso por millón de persoas cada ano. Así, en Galicia poden darse entre un e tres destes casos esporádicos. Descoñécese o mecanismo polo que se producen pero son endóxenas, orixínanse no propio individuo sen que tivese contacto previo con material contaminado. “Canto máis se coñeza dos prións, máis preto estaremos de atopar fármacos e solucións para estes casos” -resalta o profesor Requena-.

Todas as enfermidades neurodexenerativas teñen moitos aspectos en común. Así, tal como indica o investigador, todo o que se coñeza neste eido servirá para mellorar o coñecemento doutras doenzas similares e máis estendidas entre a poboación como o caso do Alzheimer.

Garantir a protección da saúde na UE

Tal como indica o coordinador do estudo, a Unión Europea está moi preocupada por aspectos prácticos, sobre todo a raíz da crise sufrida hai anos co mal das vacas tolas. “Trátase de evitar que esta situación se volva repetir e procúrase ter todo baixo control, en particular protexer a saúde humana a animal e máis en concreto a subministración alimenticia dos cidadáns europeos” -manifesta o doutor Requena-. “A idea é que entre todos os grupos avancemos no coñecemento dos prións, que nos permita desenvolver ferramentas, protocolos e produtos que sirvan para protexer mellor os cidadáns” -declara-.

Unha vez que se identificaron os prións como a causa da epidemia tanto humana como animal, deseguido puxéronse a punto técnicas analíticas que na actualidade permiten detectar prións en tecidos animais, o que determina se a carne é apta para o consumo. Ademais, elimináronse prácticas que eran habituais hai uns anos como o aproveitamento de tecidos animais para a elaboración de alimentos destinados aos propios animais, particularmente das fariñas cárnicas.

Para evitar novas epidemias, requírese un maior control que garanta a ausencia de risco para os consumidores. Non obstante, aínda se precisan coñecer moitos aspectos da bioloxía dos prións co fin de poder tomar no futuro decisións axeitadas ante situacións de perigo, de aí a importancia deste proxecto europeo.