Biólogos da USC alertan da posibilidade de perder gran parte da biodiversidade galega polo cambio climático

mercedes casal con parte do seu grupo de investigacinO futuro para o conxunto da biodiversidade galega vese moi difícil. Isto é así xa que, como afirma Mercedes Casal Jiménez, directora do grupo de investigación Ecoloxía do Fogo da Facultade de Bioloxía da USC, é moi difícil intervir para frear os efectos do cambio climático, o que provocará que en varios anos se vaia perdendo a riqueza da vexetación galega.

Esta é unha das conclusións que o grupo Ecoloxía do Fogo, formado por dez membros, saca dos seus últimos proxectos de investigación, orientados a coñecer os efectos do cambio climático sobre a biodiversidade. Os traballos centraronse principalmente en coñecer como medran as diferentes especies en zonas queimadas afectadas pola variación climática e os resultados falan por si sós. “O cambio climático está a afectar moito aos diferentes ecosistemas galegos. A pesar de que aínda estamos perfilando os resultados finais, podemos asegurar que os bosques e matos son cada vez máis lentos á hora de recuperarse dos incendios”, sinala Mercedes Casal.

A lenta e cada vez máis difícil recuperación da vexetación provoca que o chan estea menos protexido, dalle máis oportunidades á erosión e, polo tanto, frea aínda máis as posibilidades de rexeneración. Tal como afirma a directora do grupo, “entramos nun círculo vicioso, é dicir, a lenta recuperación e as chuvias torrenciais dan lugar a unha maior erosión do chan e isto, á súa vez, impide aínda máis esta recuperación”.

En canto ás posibilidades de solucionar o problema, Mercedes Casal non é moi optimista. “Galicia conta con máis de 700.000 hectáreas de matorrais, o que fai que sexa casi imposible poder xestionalas correctamente todas. Non podemos facer moito”, comenta. Todo isto pode culminar na desaparición de parte das especies vexetais, moitas delas endémicas, que conforman a nosa vexetación. Por poñer un exemplo moi coñecido, “cando arden os pinos, non son capaces  de rebrotar, teñen que xerminar, e polo tanto a recuperación destas poboacións pode alongarse ata vinte anos ou mais”. E a situación é aínda peor cando se tratan de vexetacións mixtas de pinos e eucaliptos, xa que, estes últimos, ao ter unha rápida recuperación, desplazarían completamente aos primeiros. “Os pinos están en franca desvantaxe”, conclúe Casal Jiménez.

Con estos datos, o futuro non é moi bo. Co paso do tempo, o desenvolvemento das especies despois dos incendios será maís lento e as especies máis vulnerables poden desaparecer quedando una vexetación simplificada e moi combustible. Ademais, isto facilitará que aumenten os incendios e, polo tanto, nuns anos, “os matos poden estar formados maioritariamente por toxos – afima Mercedes Casal-. É altamente probable que perdamos moita biodiversidade vexetal”.

Polo tanto, agora máis que nunca é imprescindible a acción das persoas, que xogan un papel fundamental, pois son elas as culpables de, por exemplo, as grandes emisións do CO2. Segundo Mercedes Casal, na cumbre do clima en Copenhague “deberían terse acordado as reducións de gases invernadoiros e o control das talas a nivel internacional. Así e todo, é moi difícil regular todo e poñer de acordo ao conxunto dos países”, conclúe.