Avanzan no deseño de novos antídotos para o tratamento da intoxicación por chumbo

equipo_plomo_webO chumbo ten unha toxicidade elevada, que afecta en particular ao cerebro e é máis perigosa para os nenos

O Grupo de Química de Coordinación e Bioinorgánica da USC estuda dende hai anos como se produce a intoxicación por metais pesados, en particular por chumbo. A toxicidade por este metal, xa de por si prexudicial  para os seres vivos, incrementa o seu perigo nos nenos. O nivel de contaminación mídese pola súa presenza en sangue, considerándose nocivo a partir de dez microgramos por decilitro, no caso concreto do chumbo. A súa acumulación provoca unha enfermidade denominada plumbose que afecta sobre todo ao sistema nervioso central e, no caso dos máis cativos, incidindo no seu normal desenvolvemento.

 

O equipo da USC traballa, por un lado, na busca de posibles antídotos para tratar a intoxicación por chumbo. “Retense no organismo porque, como metal, enlázase cunha serie de compostos ou substancias que existen nos seres humanos” -afirma o coordinador do grupo, Agustín Sánchez Díaz-. Os investigadores avanzan pois na creación doutros compostos cuxa función é extraer o chumbo e, ademais, facilitar a súa excreción a través das feces ou das vías urinarias. Estes compostos deben ter máis afinidade polo chumbo que os compostos que xa están nos seres vivos de forma natural e aos que se enlaza este metal. Trátase dunha “terapia directa”.

Por outro lado, os investigadores optaron tamén por unha “terapia indirecta”. Así, ademais destes compostos, pode favorecerse a desintoxicación por chumbo engadindo outra substancia que contribúa a eliminar o metal. Neste caso o equipo da Universidade de Santiago emprega vitaminas B, en concreto B1 e B6, que teñen a propiedade de que axudan á “terapia directa”, posiblemente porque son antioxidantes. Isto é importante xa que a intoxicación por chumbo crea radicais libres, que son moi oxidantes, e estas vitaminas favorecen a súa eliminación.

Ensaios con células hepáticas e renais

Os investigadores ensaian con células hepáticas e renais os efectos dos antídotos que deseñan. Primeiro intoxícanas con chumbo para logo engadir os antídotos e comprobar se son capaces de diminuír a concentración do metal presente nas células. O chumbo é un metal que se almacena en moitos órganos vitais como o cerebro, o ril ou o fígado, ademais de que é máis tóxico e complexo de eliminar que outros metais pesados, lembra Agustín Sánchez.

Canceríxeno

Outro eido que o equipo está a estudar é o da interacción do chumbo co ADN, posto que ademais da intoxicación, a presenza do metal pode dar lugar a procesos canceríxenos. Os investigadores tratan de descubrir como este metal é capaz de alterar as cadeas de ADN e que células normais se transforman en canceríxenas.

Nesta liña, o equipo avanza no emprego de nanomateriais denominados “puntos cuánticos” para o deseño de sondas fluorescentes destinadas á detección de chumbo no organismo. Os científicos inoculan estes materiais de tamaño microscópico nas células e, por medio dunha radiación, vólvense fluorescentes ante a presenza de chumbo, mostrándose como puntos luminosos na célula.

“Se se chega a dispoñer destas sondas, a eficacia dos novos antídotos para mobilizar o chumbo sería moi fácil de seguir de maneira directa con experimentos moi simples” -asegura o profesor Sánchez-. Ademais, esta técnica permitiría detectar chumbo no medio ambiente en cantidades moi pequenas, e resultaría máis efectiva que outros métodos actuais de detección de contaminantes.

 

O chumbo no entorno

O coordinador do equipo destaca que a produción de chumbo é moi elevada. Así, en 2007 producíronse 8 millóns de toneladas en todo o mundo, estando presente en moitos eidos da vida cotiá, xa que o 71% úsase na fabricación de baterías, o 12% en pinturas e pigmentos en xeral e o 6% para munición de caza, sen esquecer que representa unha fonte importante de contaminación.

Tal e como lembra Agustín Sánchez, “nos países desenvolvidos as gasolinas xa non conteñen chumbo pero durante anos empregouse un composto deste metal como aditivo, de xeito que queda no ambiente”. Deste xeito, un dos principais problemas dos metais pesados é que son acumulativos nos seres vivos aínda que non se teñan usado dende hai tempo.