Investigadores da USC desenvolven un simulador naval para a súa aplicación en centros de formación

simnav5-vlcDesenvolvido en colaboración co CIS Galicia, é unha ferramenta accesible e económica, fronte aos sistemas profesionais que poden alcanzar os 60.000 euros

O grupo MAR -Multimedia, Animación e Realidade Virtual- da Universidade de Santiago traballa actualmente en colaboración co CIS Galicia (Centro de Innovación e Servizos) no desenvolvemento dun simulador naval. Trátase dunha ferramenta de interese para a formación de estudantes no eido da navegación e a manobra de buques, en particular para o título de capitán de barco.

 

Coa aplicación practicamente rematada e preparada para entrar en funcionamento, os investigadores, baixo a coordinación do profesor Julián Flores González, xa realizaron unha recreación virtual de todos os instrumentos que existen nun barco mercante, así como a súa visualización en tres dimensións. “Con esta aplicación o estudante pode coñecer de xeito virtual toda a instrumentación dun buque e ver en 3D o mar e, polo tanto, saber como atracar en cada momento, en función das circunstancias”, explica Flores.

Neste proxecto os expertos do CIS achegan os seus coñecementos en torno aos buques, ao contorno propio da navegación e do medio mariño. Pola súa parte, os investigadores da USC encárganse da visualización de todos os datos.

Ata o de agora os centros de ensino que impartían formación neste campo non dispoñían deste tipo de tecnoloxía, posto que os simuladores profesionais custan arredor de 60.000 euros, cifra moi elevada para a súa utilización no eido educativo. Así, a ferramenta desenvolvida polo equipo da USC resulta “moito máis económica e accesible para os alumnos, xa que en cada ordenador hai un posto de mando dende onde se poden visualizar e controlar todos os dispositivos dun barco”, explican os investigadores.

Tanto no deseño como no desenvolvemento desta iniciativa participan tamén alumnos e titulados da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, especializados en enxeñaría informática.