Investigadores da Universidade de Santiago promoven a comercialización de produtos agrarios a través de internet para evitar a perda de poboación no medio rural

Carlos_Ferras_webEstán a impulsar tamén un turismo alternativo no rural, aportando unha visión diferente do mesmo

O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIS-T) da Universidade de Santiago estuda dende hai anos a aplicación das novas tecnoloxías de cara a lograr o desenvolvemento urbano e rexional. Céntranse en particular nas comunidades rurais.

 

O coordinador do grupo é o profesor Carlos Ferrás Sexto. Explica que unha das principais iniciativas do equipo neste eido é granxafamiliar.com, baseada no uso da tecnoloxía para promover o comercio xusto entre familias produtoras agrarias e tamén nos mercados urbanos. Preténdese así facilitar o comercio sen intermediarios entre as granxas familiares e os consumidores, ademais de dar a coñecer a calidade dos produtos galegos: carne do país, produtos da horta, froitas, marmeladas caseiras, pan artesán queixos, viños, licores e outros como froitos secos, fungos ou mel.

“Empregamos a tecnoloxía para resolver determinados problemas sociais, neste caso a perda de poboación no medio rural en Galicia, xunto coa práctica inxusta da comercialización de produtos agrarios” -manifesta Carlos Ferrás-. Así, tal como resalta o profesor, “cando adquirimos un produto no mercado final xa experimentou un incremento do 1.500 por mil con respecto aos cartos que recibe o produtor en orixe”. Nesta liña, o lema de granxafamiliar.com é “O comercio máis xusto para Galicia”.

Esta experiencia xa está implantada en 25 concellos de toda Galicia e conta coa participación de 22 familias agrarias das catro provincias, que venden os seus produtos vía internet a toda España.

A raíz desta exitosa iniciativa xurdiu, por un lado, a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar, impulsada polos investigadores da Universidade de Santiago xunto coas propias familias produtoras. Entre as súas liñas de traballo destaca o deseño de programas de visitas ás granxas cunha dobre vertente: unha didáctica, dirixida aos centros de ensino; e outra turística, para as familias de procedencia urbana con interese en coñecer o estilo de vida e os sistema de produción natural das diversas granxas familiares galegas, ademais do seu contorno cultural, social e paisaxístico.

Por outro lado, dende a Asociación impulsouse a creación dunha empresa por parte de investigadores do Grupo da USC, destinada ao procesado e envasado de alimentos ecolóxicos galegos baixo a marca granxafamiliar.com. Trátase dunha empresa de base social, sen ánimo de lucro.

No marco deste proxecto a Universidade de Santiago mantén diversos convenios de colaboración coa Fundación Feiraco, Caixa Galicia, varios concellos galegos, Cáritas e tamén co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

Galicia Auténtica, unha visión realista do rural galego

Galicia Auténtica é unha iniciativa posta en marcha por Granxa Familiar, a Asociación para o Desenvolvemento da Agricultura Familiar e o Grupo GIS-T da Universidade de Santiago. Busca atraer a atención de visitantes de todo o mundo á Galicia rural, a través dun achegamento alternativo, afastándose da concepción típica do turismo.

“O programa Galicia Auténtica amosa a realidade rural tal como é, sen adornos” -manifesta o profesor Carlos Ferrás-. Explica que se trata dunha experiencia de  e-marketing territorial a partir da creación dunha páxina web experimental (www.galiciaautentica.org) destinada á definición de produtos turísticos alternativos da comunidade galega. Así, dentro desta iniciativa xa se creou un museo etnográfico virtual por comarcas.

“Buscamos unha visión diferente, realista, do medio rural, dando a coñecer a súa etnografía, cultura, gastronomía…” -indica o coordinador da USC-. Sinala que o obxectivo é conseguir descentralizar e ao mesmo tempo desestacionalizar o fluxo turístico que chega á nosa comunidade.