Investigadores da USC participan nun proxecto europeo que pretende facer fronte á obesidade dende unha perspectiva económica

economicas_vlcEstudan os efectos de solucións diferentes ás médicas, como o incremento dos prezos dos produtos altos en graxas e azucres, para controlar a enfermidade

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago está a realizar unha serie de estudos no eido da Economía da Saúde. En particular traballan nun proxecto europeo centrado na obesidade, no que participan expertos de diferentes países.

 

A coordinadora do grupo e investigadora principal do proxecto é a profesora María Luz Loureiro García. Afirma que “a obesidade non se considerou ao longo do tempo como un problema social, senón máis ben médico”. E destaca ademais que cómpre ter en conta que, debido a circunstancias socioeconómicas, en moitas ocasións se herda de pais a fillos e “o seu impacto económico é moi importante”.

Búscanse políticas eficaces destinadas a reducir o consumo de calorías e aumentar a actividade física dos individuos

O proxecto no que participa o equipo da USC pretende avanzar nos instrumentos de regulación que se poden aplicar de cara a diminuír o consumo de calorías e aumentar a actividade física dos individuos. A primeira parte do estudo consiste en facer unha revisión das políticas europeas, tanto públicas como privadas, destinadas a reducir a epidemia da obesidade. Os países nos que se centran os investigadores da USC son España, Portugal, Italia e os Países Baixos. O seguinte paso será avaliar a eficacia ou ineficacia destas políticas.

A finalidade é propoñer unha serie de medidas enfocadas a combater a enfermidade. Por exemplo, na actualidade existe moita discusión sobre a publicidade de alimentos altos en graxas e azucres propios da dieta infantil. Así, nos países nórdicos optouse por prohibir a súa publicidade nas franxas horarias dos máis novos.

Outro dos exemplos que pon a investigadora é o caso de Noruega, onde existe un imposto elevado para o chocolate e dende hai pouco tamén un imposto para o azucre, que se aplica a bebidas refrescantes e a outros produtos de consumo habitual por parte dos rapaces como as salchichas e os sándwichs. Nesta liña, os investigadores están a abordar como solución o incremento do prezo destes produtos, tal como aconteceu tamén co tabaco.

Os hábitos de consumo están a mudar en Europa

Os membros do equipo da USC están a recoller todas as iniciativas públicas e privadas que se están a levar a cabo neste eido nos catro países en: garderías, equipos de fútbol infantil (onde nalgúns casos se están a desenvolver programas de educación nutricional e física), comedores infantís, centros de maiores… Pretenden comparar as diferentes propostas e facer unha análise da súa eficacia ou como se poden convertir en eficaces no caso de non selo.

As medidas poden ser múltiples. Así, tal como apunta a profesora María Loureiro, nalgúns comedores escolares ofréceselles aos rapaces leite desnatado ou semidesnatado en lugar de leite enteiro. Por outro lado, os xogos recreativos están a contemplar a importancia de realizar actividade física e de combater o sedentarismo, como algunhas videoconsolas…

O grupo da Universidade de Santiago trata de aportar outras variables diferentes ás médicas para facer fronte á obesidade, como o caso dos prezos; a renda familiar, que afecta ao consumo porque se opta por produtos conxelados ou procesados, moito máis económicos que os produtos frescos; as condutas de consumo ou mesmo o etiquetado nutricional… Todos estes aspectos poden alterarse co fin de controlar a enfermidade.

“O obxectivo último deste proxecto é facer unha proposta conxunta da Unión Europea para loitar contra a obesidade, ter unha visión global, xa que se trata dun problema global en Europa” -manifesta a coordinadora-. Loureiro destaca que a obesidade afecta tanto aos Países Nórdicos, onde a poboación se caracterizou historicamente pola súa delgadeza, como ao sur, onde prima a dieta mediterránea pero require tempo de cociña e estase a ver suplantada por outra máis rápida e con contido calórico tamén máis elevado, e todo unido ao sedentarismo propio da sociedade actual.

A investigadora sinala que no sur de Europa, en países como España, existen hábitos de consumo moi arraigados, é dicir, que hai unha base cultural moi forte respecto á comida. “Non obstante, sen abandonar as comidas habituais, estamos a implantar outras foráneas que supoñen un exceso calórico. De aí a importancia dos estudos interdisciplinares, que teñan en conta os novos hábitos de consumo” -afirma a profesora da Universidade de Santiago-.